Manuel Baltar considera "unha conquista identitaria" que Ourense acollese a obra icónica do galeguismo: A derradeira leición do mestre
- Rematada a exposición Castelao e Prada, irmaus!, o presidente da Deputación de Ourense amosa a súa satisfacción polo éxito da mostra, "unha das noticias máis salientables deste mandato 2015-2019".
- A obra pictórica de Castelao retorna a Bos Aires logo de ser visitada na antiga biblioteca da Deputación de Ourense por sete mil persoas.
Ourense, 9 de abril de 2019.- A derradeira leición do mestre, cadro icónico do galeguismo, obra de Alfonso Rodríguez Castelao, volve ao Centro Galicia de Bos Aires, logo de estar exposto un mes na antiga biblioteca do Pazo Provincial de Ourense. A pintura, que formou parte da exposición "Castelao e Prada, irmaus!", organizada pola Deputación de Ourense, retorna ao seu lugar de orixe logo de estar por primeira vez na provincia de Ourense, un fito histórico que sete mil persoas non quixeron perderse.
O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, cualifica de "conquista identitaria" que Ourense acollese a obra icónica do galeguismo e que durante este tempo "os ourensáns tivesen a oportunidade de vela, ademais, ao carón dos restos mortais de Rodolfo Prada e da súa dona, e con determinados obxectos cedidos polo Partido Galeguista como a bandeira coa que foron enterrados os últimos presidentes desta formación política e cunha edición orixinal de Alba de gloria, o famoso e fermoso discurso de Castelao".
Baltar afirma que "é un éxito de todo Ourense que conseguíramos a cesión do cadro por parte do Centro Galicia de Bos Aires, que estivo só en Santiago e Ourense, quizais pola importancia que ten o feito de que fora Rodolfo Prada quen lle encargase a Castelao no propio Centro Orensano da capital porteña que pintara e transformase en cadro un dos seus debuxos da serie de láminas que tanto fixeron por Galicia e a súa identidade".
A isto únese, en opinión de Manuel Baltar, a circunstancia de que neste tempo "o pleno da Deputación de Ourense se pronunciara aprobando a reivindicación do Día da Galicia Mártir para o 17 de agosto, na memoria de Alexandre Bóveda, con cuxa fundación comezamos a establecer unha alianza de colaboración estratéxica no ámbito da identidade, e tamén o feito de que viñese a filla de Alexandre Bóveda, dona Amalia, á inauguración da exposición Castelao e Prada, irmaus!, co elemento protagonista que foi ese cadro, que hoxe remata a súa estadía en Ourense pero que non nos deixa, porque sempre quedará esa semente de ter estado no edificio de goberno da Deputación de Ourense, sen dúbida, a deputación e a provincia que máis aportaron ao pensamento galeguista, sendo berce de persoeiros senlleiros como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Antón Losada Díéguez ou o propio Alexandre Bóveda".
Por elo, o presidente da Deputación de Ourense, amosa a súa satisfacción "polo que supón unha das noticias máis salientables deste mandato 2015-2019".
A exposición Castelao e Prada, irmaus!, foi inaugurada o pasado 7 de marzo polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a filla de Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o escritor e presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar, e o presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén. Daquela, Manuel Baltar destacara a importancia de ter nunha mesma sala a obra A derradeira leición do mestre e as cinsas do galeguista ourensán Rodolfo Prada e da súa dona, Manuela Fraga, afirmando: "Temos en Ourense a Castelao, representado a través da máis abraiante e conmovedora das súas obras maxistrais", e subliñando que non é un cadro máis do insigne artista plástico, escritor e político, "senón que é a obra que máis e mellor esperta as conciencias".