A Deputación de Ourense urxirá solucións para o centro de Unitono na Tecnópole
Manuel Baltar apoia as reivindicacións dos traballadores e compromoteuse hoxe, na reunión que mantivo no Pazo Provincial coas representantes do comité de empresa, a enviar un escrito aos directivos de Unitono e de Naturgy –o seu principal cliente- para que se manteñan os empregos e continúe e se incremente a carga de traballo.
Ourense, 11 de abril de 2019.- A Deputación de Ourense urxirá solucións para o centro de Unitono situado no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, co obxectivo de que se manteñan os empregos desta empresa e continúe e se incremente, na medida do posible, a carga de traballo. Así llo asegurou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ás representantes do comité de empresa do centro de Unitono en Ourense, na reunión que mantiveron no Pazo Provincial, xuntanza na que Baltar comprometeuse a enviar un escrito aos directivos de Unitono e de Naturgy –o seu principal cliente- "para que respalden este centro en Ourense e non estean en risco os postos de traballo", dixo Baltar.
Neste sentido, o presidente do goberno provincial trasladoulles ás representantes do comité de empresa que a Deputación de Ourense pronunciarase no vindeiro pleno deste mes de abril a prol da defensa do centro de Unitono en Ourense e dos dereitos dos traballadores, dirixíndolle un escrito tanto a Unitono como a Naturgy "para que as instalacións da empresa na Tecnópole sexan potenciadas e teñan o respaldo suficiente para que non periguen os postos de traballo e as familias que dependen na actualidade deste centro afronten con tranquilidade o seu futuro laboral", expresou Manuel Baltar.
Na reunión, as representantes do comité de empresa expuxéronlle ao presidente provincial as súas inquedanzas sobre o futuro da compañía –cuxa planta en Ourense conta con 132 traballadores-, así como o risco de deslocalización que existe, solicitando o seu apoio para que traslade esta preocupación aos máximos dirixentes de Unitono e de Naturgy, como así se comprometeu Baltar, chegando a plantexar un acordo unánime da Deputación no pleno da corporación provincial do vindeiro 26 de abril.