A Deputación de Ourense participa no comité técnico do V Congreso de Ciudades Inteligentes
Ourense, 25 de abril de 2019.- O director de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez, participou hoxe na reunión do comité do Comité Técnico do "V Congreso Ciudades Inteligentes", que se celebrou na Secretaría de Estado de Avance Digital (SEAD), en Madrid, para avaliar as comunicacións e proxectos presentados a este cumio, un total de 144, e seleccionar as comunicacións e proxectos de cidades que serán incluídas no Libro de Comunicacións e elixidas para unha presentación oral no marco do congreso.
O V Congreso Ciudades Inteligentes, organizado polo Grupo Tecma Red e a Secretaría de Estado para el Avance Digital coa colaboración institucional de Red.es, celebrarase o vindeiro 26 de xuño en Madrid. Este cumio potencia o intercambio de coñecemento e experiencias sobre as cidades e territorios intelixentes, co emprego da tecnoloxía e a innovación como ferramentas base do seu desenvolvemento. Abordaranse temáticas vencelladas coa cidade e o territorio intelixente, amosando as iniciativas de vangarda que se están a desenvolver para coñecer o espectro urbano, social, técnico, legal e de oportunidades dos territorios intelixentes, cun formato práctico baseado na presentación de proxectos que se enmarcan no Plan Nacional de Territorios Intelixentes, no que se integra a iniciativa de turismo intelixente da Deputación de Ourense "Hay un Ourense para ti. Descúbrelo".