A Deputación de Ourense e a Real Academia de Belas Artes impulsan o coñecemento do patrimonio artístico provincial

Compartir

  • O protocolo de colaboración asinado hoxe no Pazo Provincial entre Manuel Baltar e o presidente da entidade cultural, Manuel Quintana Martelo, contribuirá a que desde a Real Academia Galega de Belas Artes se difundan os fondos artísticos da Deputación de Ourense e dos bens culturais da provincia.

  • "Trátase de impulsar o coñecemento por parte da veciñanza dos grandes tesouros artísticos que ten a Deputación de Ourense e a nosa provincia e difundilos ao máis alto nivel", afirma Baltar.

Ourense, 27 de abril de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana Martelo, asinaron esta mañá no Pazo Provincial un protocolo de colaboración entre ámbalas dúas entidades que contribuirá a que desde a Real Academia Galega de Belas Artes se difundan os fondos artísticos da Deputación de Ourense e dos bens culturais da provincia.

"Para a Deputación de Ourense a cultura é un eixe fundamental da nosa acción política –destaca Baltar-, e hoxe poñemos en marcha unha senda de colaboración coa Real Academia de Belas Artes para desenvolver actuacións conxuntas de interese común no eido das arte e do patrimonio artístico da provincia de Ourense, unha academia á que pertencen senlleiros ourensáns como Acisclo Manzano, Buciños, José María Eguileta, María Victoria Carballo-Calero Ramos e Ignacio Basalo".

Manuel Baltar salientou que esta colaboración viuse reflectida xa na modificación de créditos aprobada no pleno do mes anterior, cunha contía de dez mil euros, "para que o protocolo de colaboración que hoxe asinamos contribúa a que desde a Real Academia Galega de Belas Artes se difundan os fondos artísticos da Deputación de Ourense e dos bens culturais da provincia, realizando exposicións, publicacións, xornadas divulgativas, ademais de levar a cabo estudos e investigacións ao redor das obras do fondo artístico da Deputación de Ourense, así como de autores e temáticas, que abunden na mellora, no coñecemento e na difusión deste valor artístico cultural".

O acordo hoxe asinado contempla tamén o seguimento mediante técnicas museográficas da Real Academia Galega de Belas Artes cara ao asesoramento para a conservación da colección artística e do propio edificio do Pazo Provincial; a catalogación e exhibición das obras de arte e dos proxectos que desenvolva a Deputación no eido das Belas Artes; así como a colaboración por parte da Deputación de Ourense naquelas actividades de interese común impulsadas pola Real Academia Galega de Belas Artes a prol das artes de Galicia.

"En definitiva –afirma Manuel Baltar-, trátase de impulsar o coñecemento por parte da veciñanza dos grandes tesouros artísticos que ten a Deputación de Ourense e a nosa provincia e difundilos ao máis alto nivel, tendo en conta de que se trata da Real Academia Galega de Belas Artes, onde a Deputación de Ourense ten que ter un papel protagonista, personificado hoxe na sinatura deste convenio co presidente desta entidade, Manuel Quintana Martelo", expresou o presidente do goberno provincial.