A Deputación de Ourense ampliará a súa rede de canceiras coa incorporación da canceira de Melón

Compartir

Ourense, 2 de maio de 2019.- A Deputación de Ourense ampliará a súa rede de canceiras coa incorporación da nova canceira de Melón, a cal será reformada para adaptala á actual lexislación vixente, explicou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. As actuacións que se levarán a cabo neste espazo consistirán na instalación dun novo aeroxerador para dotar de electricidade o recinto, a pavimentación das zonas de herba, así como reforzar o valado afectado polo paso do tempo e polas inclemencias meteorolóxicas.

Con esta nova incorporación, a rede de canceiras provincial queda integrada por cinco situadas en: Muíños, reformada no ano 2017; O Carballiño, reformada no ano 2018; Xinzo de Limia, na que se rematará a reforma este ano; A Rúa, e a de Melón. "No último exercicio, a rede de canceiras provincial recolleu 681 animais, dos cales 113 foron devoltos aos seus propietarios e 404 foron adoptados. Tendo en conta que as canceiras se atopan cunha porcentaxe de ocupación do 95%, faise necesario a incorporación dun novo espazo para dar acollida aos animais que así o precisen", dixo Manuel Baltar.