A Deputación de Ourense aproba as bases para a concesión de axudas para gastos de investimento de asociación veciñais de Ourense
- A Xunta de Goberno aprobou tamén a reapertura da convocatoria do concurso para a concesión de axudas para o fomento das actividades escénicas e musicais para o ano 2019.
- En materia de cooperación, aprobou un total de 109.041 euros en axudas para entidades e concellos para iniciativas culturais, medioambientais e deportivas.
Ourense, 13 de maio de 2019.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada hoxe as bases do concurso para a concesión de axudas para gastos de investimento de asociacións veciñais de Ourense correspondentes ao ano 2019. Así o informou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, quen deu conta hoxe dos acordos adoptados pola dita Xunta, correspondentes ao luns 13 de maio de 2019.
As bases deste concurso recollen que poden ser beneficiarias destas axudas as asociacións veciñais cuxos fins sexan a defensa dos dereitos e intereses dos veciños dun determinado ámbito territorial, que estean inscritas no Rexistro Provincial de Asociacións de Ourense e teñan o seu domicilio social na provincia de Ourense.
A dispoñibilidade orzamentaria para estas axudas ascende aos 100.000 euros. As asociacións interesadas en participar nesta convocatoria teñen de prazo para presentar as súas solicitudes a partir da publicación destas bases na Base de Datos Nacional de Subvencións ata o día 28 de xuño de 2019.
Actividades escénicas e musicais
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou tamén a reapertura da convocatoria do concurso para a concesión de axudas para o fomento das actividades escénicas e musicais para o ano 2019.
Cooperación
En materia de Cooperación, a Xunta de Goberno aprobou un total de 109.041 euros en axudas a entidades e concellos da provincia de Ourense, destinadas a iniciativas culturais, medioambientais e deportivas. En concreto, aprobou unha axuda de 12.500 euros para a Asociación Socio Cultural Amigos da Romaría da Saínza, para os gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2019. Así mesmo, na reunión aprobouse unha axuda de 40.000 euros para a Fundación Otero Pedrayo e outra de 16.000 euros para a Fundación Vicente Risco, ambas para os gastos de funcionamento destas entidades correspondentes ao ano 2019.
No relativo á cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas: unha delas por importe de 15.541 euros para o Concello de Nogueira de Ramuín destinada ás obras na rede de abastecemento en San Miguel do Campo, e outra axuda de 25.000 euros para o Concello do Pereiro de Aguiar para o acondicionamento e mellora das instalacións do campo de fútbol de Vilariño. Por último, na reunión aprobouse a expropiación forzosa urbanística para a execución da obra "acondicionamento da rúa Casanova", no municipio de Leiro.