O Festival da Canción Misioneira de Ourense chega ao seu 50 aniversario
- A Deputación de Ourense colabora coa Gala, que terá lugar o vindeiro sábado, 25 de maio, no Teatro Principal, para conmemorar os dez lustros deste Festival.
Ourense, 23 de abril de 2019.- O Festival da Canción Misioneira de Ourense chega ao seu 50 aniversario cunha gala que se celebrará o vindeiro sábado, 25 de maio, no Teatro Principal de Ourense, "para conmemorar os dez lustros de música xuvenil e de compromiso social en honor aos misioneiros ourensáns espallados por todo o mundo", salientou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación deste evento, hoxe no Pazo Provincial, acompañado polo delegado de Misións do Bispado de Ourense, Adelino Álvarez; e o colaborador Ángel Cid.
A Deputación de Ourense colabora con este evento musical que celebra os "50 anos do Festival Xuvenil e os 40 do Festival Infantil, que percorreron toda a provincia e que constitúen a manifestación cultural de música estable máis lonxeva da nosa provincia", engadiu Rosendo Fernández.
Pola súa parte, o delegado de Misións do Bispado de Ourense explicou que este tipo de eventos como a gala "son obrigatorios porque nos permiten revisar e avaliar o pasado para modificar o futuro se fose preciso, festexar con música e porque nos permite honrar aos que lle deron sentido a este festival: os nosos misioneiros".
Neste mesmo sentido, Ángel Cid dixo que a gala "pretende lembrar tamén aos 517 grupos e aos 2.349 mozos e nenos que pasaron polo festival durante estes 50 anos". Esa lembranza –engadiu Ángel Cid- materializouse a través "dun folleto conmemorativo que serve de recordo gráfico imperecedoiro de todo isto, a gravación dun cd con 13 cancións, e a celebración da gala".
O programa da gala inclúe, ademais dunha importante selección de cancións incluídas no cd, unha coreografía de baile da man do grupo Móvete Galicia, homenaxe e lembranza a persoas e entidades que foron un referente deste evento cultural e musical, e a actuación do cantautor andaluz Pedro Sosa.
Ao remate da presentación, proxectouse un videoclip do grupo ourensán "Priscila", que realizou unha versión singular dun dos temas emblemáticos dos festivais "Jerusalem era una lágrima".