Luz verde ao aluguer por parte da Deputación de Ourense do edificio de Correos

Compartir

  • O acordo permitirá nos próximos meses a ampliación das dependencias administrativas da Deputación por medio do arrendamento de 1.236 m2 de superficie en Correos, que albergarán o Inorde, as oficinas da Área de Benestar, Recursos Europeos, Publicacións e Arquivo.

  • Correos continuará coas súas oficinas na planta baixa do edificio e a Deputación disporá de espazos nas demais plantas, co obxectivo de ampliar as súas instalacións administrativas, situadas no Pazo Provincial.

  • Manuel Baltar confirma que o espazo que actualmente ocupa o Inorde será destinado ao Museo da Roda de Afiar, "que a Deputación de Ourense porá en marcha, como símbolo da provincia, con Florencio de Arboiro, propietario dunha das coleccións máis importantes do mundo dun elemento tan distintivo da nosa identidade".

Ourense, 25 de maio de 2019.- Luz verde ao aluguer de espazos administrativos no edificio de Correos para a Deputación de Ourense. Así o vén de confirmar o subdirector de Inmuebles da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos, Edelmiro Castro, quen comunicou á Presidencia da Deputación de Ourense o acordo de adxudicación do contrato de aluguer de 1.236 metros cadrados de superficie nas plantas soto, baixa, primeira e segunda do edificio de Correos, situado na rúa Progreso de Ourense, no que a Deputación de Ourense instalará as dependencias do Inorde, así como as oficinas da Área de Benestar, Recursos Europeos, Publicacións e Arquivo.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmou a resolución do acordo e destacou que o espazo que actualmente ocupa o Inorde será destinado ao Museo da Roda de Afiar –que figuraba no Plan Ourense 15-19-, "que a Deputación de Ourense porá en marcha, como símbolo da provincia, con Florencio de Arboiro, propietario dunha das coleccións máis importantes do mundo dun elemento tan distintivo da nosa identidade".

Baltar afirma que dentro do ámbito de expansión da Deputación de Ourense "e logo de acadar a "débeda cero", unha da iniciativas importantes para dispor de maior espazo para os servizos administrativos e ofrecer unha mellor atención á veciñanza é o aluguer do edificio principal de Correos da cidade de Ourense, aluguer que vén de ser adxudicado pola Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos, o que significa que o expediente está rematado e que nos próximos meses comezará o traslado das dependencias do Inorde e doutros servizos da Deputación ás súas novas instalacións".

Desta maneira, Correos continuará coas súas oficinas na planta baixa do edificio e a Deputación disporá de espazos nas demais plantas, ampliando así as súas instalacións administrativas, situadas no Pazo Provincial. Prevese que tralos trámites administrativos as novas dependencias da Deputación estean operativas nos vindeiros meses.

Manuel Baltar afirma que esta ampliación das oficinas da Deputación, nun edificio emblemático como é o de Correos, "permitirá aos diferentes departamentos do ente provincial desenvolver as súas funcións con maior excelencia nos servizos".