Manuel Baltar, elixido presidente da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa

Compartir

  • O comité executivo desta entidade -a rede termal europea máis importante-, ditaminou hoxe en Bruxelas a elección por unanimidade.

  • Baltar agradeceu a confianza depositada na súa candidatura, e salientou que esa unanimidade na elección "se produza por parte de membros de vinte nacións que pertencen a cores políticas diferentes. Esa é a grandeza do pacto, do diálogo e do acordo, e con Ourense presente".

Ourense, 25 de xuño de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, vén de ser elixido hoxe presidente da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA), na reunión que celebrou o comité executivo desta entidade, a rede termal europea máis importante, integrada por 51 territorios termais de 20 nacións.

Baltar agradeceu a confianza depositada na súa candidatura e dixo sentirse "satisfeito e contento" logo de coñecer a elección unánime por parte dos membros do comité executivo, "reunión á que non puiden asistir por mor da celebración, hoxe en Ourense, do derradeiro pleno da Deputación do mandato 2015-2019", e destacou: "Non podo deixar de manifestar a miña responsabilidade con esta nova competencia no liderado das cidades históricas termais de Europa, sen dúbida, a organización termal máis importante do mundo", salientando que esa unanimidade na elección "se produza por parte de membros de vinte nacións que pertencen a cores políticas diferentes. Esa é a grandeza do pacto, do diálogo e do acordo, e con Ourense presente".

Nesta nova etapa da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa acompañan no equipo directivo ao presidente Baltar, como vicepresidentes Eric Brut, de Francia, e Lorenzo Lucchini, de Italia, un período no que Manuel Baltar márcase como obxectivo "destacar a importancia do termalismo na construción da nosa identidade europea e concienciar ás institucións comunitarias e aos grupos políticos do Parlamento Europeo sobre a necesidade de implementar e apoiar as políticas termais, así como promover ás vilas termais de Europa "como dinamizadoras económicas, sobre todo nas zonas máis rurais".

Baltar é un firme defensor do termalismo "como elemento de cohesión" e un "factor determinante para o desenvolvemento rural". O seu potencial turístico y os seus valores sociais, culturais, medioambientais e de saúde "fano perfecto para que protagonice a gran revolución turística do século XXI en Europa, onde o visitante, ademais de ocio, busca emocións e sensacións, as cales o termalismo ten de maneira singular e coa máxima calidade", afirma Manuel Baltar.