Manuel Baltar recibe a representantes da Casa da Cultura de Lugano

Compartir

Ourense, 27 de xuño de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial a representantes e alumnos de español da Casa da Cultura de Lugano (Suiza). A delegación, encabezada por María Dolores Capilla, cónsul honoraria de España nesta cidade helvética, pertencente ao cantón de Tesino, está a desenvolver esta semana en Galicia actividades culturais relacionadas co estudo da literatura, lingua, arte, historia e tradicións galegas, así como visitas turísticas e encontros institucionais como o que hoxe tivo lugar na Deputación de Ourense.

Manuel Baltar agradeceu a visita ao Pazo Provincial e destacou os importantes lazos que unen a Ourense e Suíza a través da emigración, mentres que María Dolores Capilla explicou que esta viaxe a Galicia supón unha excelente canle para explorar iniciativas de cooperación en materia cultural, económica e social. A Casa da Cultura de Lugano é un importante motor cultural desta comarca, e ademais de centro examinador oficial do Instituto Cervantes leva a cabo destacadas actividades a prol da lingua e da cultura españolas neste cantón suízo de fala italiana.