Manuel Baltar destaca a Marcelino Oreja como un dos "grandes protagonistas da democracia"

Compartir

  • No seu primeiro acto trala toma de posesión como presidente da Deputación de Ourense para o mandato 2019-2023, Baltar participou no Foro La Región, onde presentou ao xurista, político, diplomático e ministro de Asuntos Exteriores de Adolfo Suárez durante a Transición, a quen definiu como "un xigante da historia de España"

  • Marcelino Oreja subliñou a capacidade de "consenso" xerada durante a Transición, "unha etapa na que sabíamos onde queriamos chegar, pero non cal era o camiño"

Ourense, 28 de xuño de 2019.- No seu primeiro acto trala toma de posesión como presidente da Deputación de Ourense para o mandato 2019-2023, Manuel Baltar participou esta tarde no Foro La Región, onde presentou a Marcelino Oreja, xurista, político, diplomático e ministro de Asuntos Exteriores de Adolfo Suárez durante a Transición, a quen definiu como "un xigante da historia de España" e "un dos grandes protagonistas da nova España democrática, xunto co rei Juan Carlos e Adolfo Suárez".

O presidente do goberno provincial dixo, no acto celebrado no sala de conferencias de Afundación, que este é "un momento único, cun conferenciante exemplar e modélico; é unha auténtica honra estar ao seu carón", e destacou de Oreja "o seu perfil na Transición, sobre todo como autor imprescindible en temas internacionais e da integración na Comunidade Europea".

Baltar salientou a Oreja como "impulsor do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo, o que lle valeu ser fillo adoptivo de Santiago de Compostela", e destacou del a súa capacidade para ter a amizade de grandes líderes da historia recente.

Pola súa banda, Marcelino Oreja subliñou a capacidade de "consenso" xerada durante a Transición, "unha etapa na que sabíamos onde queriamos chegar, pero non cal era o camiño", e dixo que este momento da historia "saíu adiante grazas a unha unión de vontades", algo que bota en falta na política actual. "A reconciliación foi o motor e meta da Transición", dixo, ensalzando a figura do rei Juan Carlos, de Torcuato Fernández Miranda e de Adolfo Suárez, "os tres que lle deron o impulso á primeira etapa democrática".

Tamén recordou anécdotas vividas nesta importante etapa da vida política en España, "na que faciamos unha viaxa cara o descoñecido, pero que saíu ben porque Suárez o tiña moi claro", definindo a Transición como "unha mestura da ousadía do presidente Suárez e da cabeza fría e serea de Fernández Miranda".

A OTAN, ETA, o Sahara, as relacións internacionais, e as tensións internas que vivía España daquela foron, asemade, temas que analizou Marcelino Oreja na súa conferencia e, posteriormente, na quenda de preguntas do público, así como os acordos do Vaticano, dunha etapa, a da Transición, que dixo quedará definida para sempre como de "memoria e esperanza".