Manuel Baltar participa na reunión da xunta de goberno da FEMP, que convocou hoxe o XII Pleno Ordinario desta federación
Ourense, 2 de xullo de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe en Madrid na reunión da xunta de goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que incluía na orde do día a aprobación das contas anuais da FEMP e a liquidación do orzamento do exercicio 2018, así como convenios de colaboración no ámbito cultural, convocatoria de axudas a entidades locais en materia de saúde e a axenda internacional da federación.
O punto central da reunión foi a convocatoria do XII Pleno Ordinario da FEMP, o órgano soberano desta entidade, integrado polos representantes de todos os socios titulares e os de honra, e que se reúne, con carácter ordinario, cada catro anos no prazo de catro meses a partir das eleccións locais. A dita sesión plenaria celebrarase o vindeiro 21 de setembro en IFEMA, en Madrid. A importancia deste pleno radica, ademais, en que este ano se cumpre o 40º aniversario da celebración das primeiras eleccións municipais da democracia en España, e será tamén este ano, concretamente mañá mércores, 3 de xullo, cando o Rei Felipe VI recibirá a Chave de Ouro do Municipalismo, unha distinción coa que a FEMP recoñece a quen ten contribuído aos intereses de concellos, deputacións, cabildos e consellos, e á defensa da autonomía local.