Luis Menor participa na visita do vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Diego Calvo, ao parque acuático do Complexo Deportivo de Monterrei
Pereiro de Aguiar, 4 de agosto de 2023.- O presidente da Deputación, Luis Menor, tamén como alcalde de Pereiro de Aguiar, participou esta mañá na visita que o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, realizou ao parque acuático do Complexo Deportivo de Monterrei, onde o representante do goberno galego anunciou que as instalacións abrirán ao público o próximo mércores día 9.
Luis Menor valora moi positivamente a finalización da primeira das catro fases nas que se divide o novo complexo lúdico-deportivo de Monterrei, que conta cun orzamento de máis de dez millóns de euros, cofinanciados ao 50 % pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.
"Malia todos os atrancos polos que pasou o proxecto, este é un primeiro e importante paso para dotar a Ourense dunhas instalacións acuáticas que estarán entre as mellores de Galicia e seguro que de España, ademais de estar ás portas dun destino turístico de primeira orde como a Ribeira Sacra".
A partir do día 9 poranse en marcha as piscinas infantil, de relax e ondas, así como a zona splash, o acceso independente, vestiarios e aseos, cun horario ininterrompido desde as 12.00 ata as 21.00 horas. Cun aforo de 1.800 persoas, a entrada será gratuíta para todo o público, co fin de compensar a apertura parcial nesta campaña de verán.