Inauguración oficial da 35ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

Compartir

  • No acto, celebrado na igrexa da Madalena, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo que o teatro e xesto, escenografía, son, guion e discurso, unha arte á altura desta vila e da provincia de Ourense, coa MIT como referente cultural".

Ourense, 19 de xullo de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta tarde no acto inaugural da 35ª edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o alcalde de Ribadavia, César Fernández, e o director da MIT, Roberto Pascual. Baltar salientou "a programación innovadora e de vangarda da MIT, un evento que non ten comparanza en Galicia nin no ámbito español, e que sobresae nunha provincia na que a cultura é o seu sinal identitario".

O presidente do goberno provincial dixo que o teatro e xesto, escenografía, son, guion e discurso, unha arte á altura desta vila e desta provincia de Ourense, dentro dun marco cultural que nos próximos anos tamén ten importantes desafíos como a conmemoración en 2020 do centenario da publicación do primeiro número da revista Nós e, de seguido, a celebración do Xacobeo 21, ou mesmo o Congreso Internacional da Cultura Galega, onde a cooperación entre todos debe ser o predominante", expresou o presidente Baltar, rematando a súa intervención con "parabéns, Ribadavia; parabéns MIT", e desexando, "aló menos, outros 35 anos para esta existosa mostra de teatro, todo un referente cultural".

Pola súa banda, o presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que a MIT "é un excelente vehículo de promoción do teatro galego contemporáneo, e cualificou este evento como un referente histórico para o teatro galego e nacional pola súa programación plural, aberta e sincrética; porque alterna os espectáculos clásicos coas expresións creativas máis innovadoras; e porque se trata dun festival que se asenta con forza sobre o pasado –particularmente no Grupo Abrente– para adentrarse no futuro.

Feijóo salientou que Ribadavia celebra a 35ª edición da súa Mostra Internacional de Teatro e tamén festexa o medio século do nacemento da asociación cultural Abrente. Os seus integrantes, sinalou, foron os precursores deste festival e desempeñaron un papel individual e colectivo na promoción do teatro galego. "Falar de vangarda é falar do Grupo Abrente", manifestou, para despois lembrar traxectorias coma a de Manuel Lourenzo, Roberto Vidal Bolaño ou Ernesto Chao e lembrar que nas táboas dos escenarios da mostra debutaron e medraron profesionalmente varias xeracións de actrices e actores.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou que hoxe "é un gran día para Ribadavia, unha terra na que conflúen riqueza patrimonial, histórica e natural, e tamén a viticultura e o termalismo", lembrando esa maridaxe perfecta entre viño e teatro, e destacando que traballaremos "para crear unha Aula de Teatro en Ribadavia".