Deputación de Ourense e CEO reforzan a súa alianza de cooperación para seguir impulsando proxectos conxuntos
- O presidente do goberno provincial reuniuse hoxe coa xunta directiva da entidade empresarial, comprometendo "máis apoio institucional e económico para CEO nos vindeiros catro anos, para seguir acadando éxitos colectivos para Ourense da man dos empresarios".
Ourense, 29 de xullo de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe no Pazo Provincial coa presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Marisol Nóvoa, e con membros da xunta directiva saída do recente proceso electoral nesta entidade empresarial, para abordar a relación entre ámbalas dúas entidades durante este mandato 2019-2023, onde a Deputación, na súa folla de ruta: o plan 72-73, invoca o espírito empresarial e as forzas empresariais da provincia como esenciais para xerar riqueza e emprego.
Neste sentido, o presidente Baltar e a directiva da CEO analizaron os temas de cooperación que veñen desenvolvendo conxuntamente, "unha relación que se seguirá reforzando no ámbito institucional e tamén economicamente pois é necesario dotar ás asociacións empresariais de mecanismos que implican axudas económicas para poñer en marcha iniciativas innovadoras como as que desenvolvemos xuntos nos últimos anos, como o Plan ExportOU, a Oficina de atracción de investimentos ou as misións empresariais, que contribúen a que o empresariado foráneo coñeza a realidade de Ourense".
O presidente do goberno provincial comprometeuse "a reforzar esta alianza nos vindeiros catro anos, e da man dos empresarios seguir acadando éxitos colectivos para Ourense", e citou como exemplo o Centro Galego de Innovación na Formación Profesional, que marcará un antes e un despois a nivel provincial", destacando tamén "a chegada da alta velocidade e esa maior conectivdade do territorio provincial, que se vai converter un "aeroporto terrestre" a menos de dúas horas e quince minutos de Madrid", expresou o presidente.