Reunión de Manuel Baltar co presidente de Cruz Vermella en Ourense

Compartir

  • Na xuntanza, Baltar agradeceulle o labor que realiza esta entidade "a prol da sociedade ourensá, traballando de preto coas persoas e atendendo as diversas necesidades que requiran da súa axuda na nosa provincia".

  • Así mesmo, avanzaron as liñas que marcarán o futuro da alianza que existe entre ambas institucións e que se reflexará nos orzamentos de 2020 da institución provincial cunha achega económica a Cruz Vermella para aspectos relacionados coa formación e a promoción da participación voluntaria.

Ourense, 13 de agosto de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co presidente de Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro, para analizar a colaboración que presta a institución provincial a esta entidade para desenvolver un amplo e variado programa de actividades na nosa provincia que vai desde a formación en materia de socorrismo e primeiros auxilios a iniciativas dirixidas aos máis cativos, co fin de axudar ás familias na conciliación da súas vidas familiar e laboral. Por elo, Baltar agradeceu a Felipe Ferreiro o labor que realizan desde esta entidade "a prol da sociedade ourensá, traballando de preto coas persoas e atendendo as diversas necesidades que requiran da súa axuda na nosa provincia".

Neste sentido, Baltar destacou a estreita colaboración que a Deputación de Ourense mantén coa delegación ourensá desta institución contribuíndo, en anos anteriores, "na adquisición de novos vehículos como unha ambulancia asistencial destinada á prestación de servizos de socorro e emerxencia, que sen dúbida repercute nunha mellora do seu servizo".

Esta relación de colaboración entre ambas institucións é unha realidade desde hai máis de cen anos, xa que Cruz Vermella naceu en Ourense en 1893, concretamente no salón de plenos do Pazo Provincial, onde tamén estivo a sede da asemblea provincial ata 1993.

Pola súa parte, Felipe Ferreiro agradeceu a complicidade e colaboración da Deputación de Ourense con Cruz Vermella, "relación que se viu afianzada nos últimos anos a través de distintos proxectos de prevención e atención á infancia, e a persoas en situación de vulnerabilidade no rural ourensá, entre outras actuacións".

Na xuntanza tamén avanzaron as liñas que marcarán o futuro da alianza que existe entre a Deputación de Ourense e Cruz Vermella e que se reflexará nos orzamentos de 2020 da institución provincial cunha achega económica a esta entidade para o desenvolvemento de actividades que formen á veciñanza en materia de socorrismo e primeiros auxilios para incrementar a cultura da prevención, así como para a promoción da participación voluntaria da mocidade ourensá.

Ademais, Baltar amosou a Felipe Ferreiro a súa disposición a acudir o día 5 de outubro, en Viana do Bolo, ao XIX Encontro Provincial de Voluntariado, unha gran reunión de tódolos voluntarios que traballan en Cruz Vermella en Ourense para "agradecer o seu traballo e vivir unha xornada de convivencia que enxalce os valores de solidariedade, xenerosidade e altruísmo", dixo Baltar.

O Encontro, que se organiza cada ano en distintas localidades da provincia, comezará ás 11.00 horas, co acto institucional no Salón de Actos da Casa da Cultura en Viana do Bolo. No acto inaugural entregaranse os diplomas de recoñecemento ao voluntariado pola súa dedicación e implicación nos proxectos sociais desta organización humanitaria. Posteriormente, desprazaranse ata a Gudiña para realizar un acto de homenaxe a Jesús Barros, quen dedicou moito tempo a esta entidade.