Manuel Baltar participa na Festa do Emigrante de Esgos
- Este tradicional evento, no que tamén se celebrou a XIII Festa do arroz con leite, da comezo ás festas patronais na honra de San Vitores.
Ourense, 22 de agosto de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na Festa do Emigrante de Esgos, que se celebra conxuntamente coa XIII Festa do arroz con leite, e que dan comezo ás festas patronais do municipio na honra de San Vitores.
O presidente do goberno provincial dixo que Esgos tamén ten a súa "cita ineludible" no calendario festivo da nosa provincia, co comezo da semana grande das súas festas, "un momento único no ano para o reencontro da veciñanza". O municipio de Esgos, "coma todos os da provincia de Ourense, conta con poboación que vén no verán pero que durante o resto do ano reside noutras latitudes, moitos deles en Iberoamérica e, polo tanto, esta "dobre celebración" é un momento para compartir ese sentimento de veciñanza e fraternidade, ao carón do polbo pero tamén conmemorando unha festa gastronómica que xa cumpre a súa 13ª edición, a festa do arroz con leite", engadiu o presidente da Deputación de Ourense.
Este ano, a lectura do pregón correu a cargo da actriz galega Isabel Blanco, "un nome con maiúsculas do cinema e do audiovisual galego, unha historia persoal tamén moi vencellada á emigración", dixo Manuel Baltar. A xornada estivo amenizada pola música da Charanga "Terras de Trives".
A Festa do Emigrante naceu hai máis de 25 anos –segundo o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez- co obxectivo de render homenaxe aos veciños que tiveron que deixar a súa terra e, co tempo, converteuse no lugar de encontro e celebración para a veciñanza e as familias que nos visitan nestas datas e que xa non viven no concello. A esta celebración asisten cada ano "máis de 1.000 persoas e marca o comezo das nosas festas patronais", engadiu Mario Rodríguez.