O proxecto EmprendOU da Deputación de Ourense, en marcha para afrontar o reto demográfico
- A institución provincial desenvolve esta iniciativa, financiada polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo, a través da cal concede axudas de 675 euros ao mes para mozos que emprendan en 82 concellos da provincia.
- Manuel Baltar, quen lembrou que a Deputación de Ourense é o primeiro goberno provincial que conta cunha área para o Reto Demográfico, destacou a importancia de traballar "con planificación e visión integral de provincia" para poder desenvolver iniciativas desta índole.
- O obxectivo deste programa é que, para o 2019-2020, a mocidade cree 250 empresas naqueles "municipios elixibles" para afrontar o reto demográfico da provincia.
- A Deputación puxo en marcha un Punto de Atención ao Emprendedor que permite a creación da empresa en só 48 horas nos municipios máis rurais.
Ourense, 26 de agosto de 2019.- A Deputación de Ourense puxo en marcha, para afrontar o reto demográfico na provincia, o proxecto EmprendOU a través do cal concede axudas de 675 euros ao mes para mozos que presenten proxectos empresariais ou de auto - emprego en municipios rurais de menor poboación, no marco do proxecto EmprendOu, financiado polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo (axudas EMP-POEJ).
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, lembrou que, como xa anunciara no Senado o pasado 26 de febreiro deste ano, a institución provincial de Ourense é "o primeiro goberno provincial en contar cunha área para o Reto Demográfico, tal e como se recolle no Plan de Mandato "Ourense 7273", porque para este goberno a loita contra o despoboamento rural é unha cuestión fundamental e prioritaria". Neste mesmo sentido, Baltar destacou a importancia de traballar "con planificación e visión integral de provincia, para poder desenvolver iniciativas como o proxecto EmprendOU que permitirá que 250 persoas emprendan no seu lugar de residencia".
Manuel Baltar dixo que o tema do despoboamento do rural é ocupa "un lugar prioritario na nosa folla de ruta. Bo exemplo dilo é que, ademais de crear unha área específica para abordar esta cuestión, adoitaremos medidas de carácter social, económico e laboral como a creación do Observatorio do Medio Rural". Asemade, o presidente do goberno provincial, como presidente de Partenalia e vicepresidente da Confederación Europea de Poderes Locales Intermedios, salientou a importancia que ten que a Unión Europea vaia a destinar máis fondos contra o despoboamento, recoñecendo á provincia como destinatario das axudas comunitarias como defendeu o propio Baltar en Bruxelas.
EmprendOU
O proxecto EmprendOU, impulsado pola Deputación de Ourense, está deseñado para apoiar a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles", en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.
A súa finalidade é incrementar as posibilidades de desenvolvemento profesional/laboral da poboación máis nova, aumentar o atractivo do mundo rural entre o público destinatario destas axudas e provocar un "efecto chamada" por parte da provincia de Ourense cara a persoas mozas con mentalidade emprendedora que poidan querer residir na provincia de Ourense freando así as altas porcentaxes de despoboamento no rural da provincia de Ourense e aumentando as ferramentas de loita contra desafío demográfico.
A dispoñibilidade orzamentaria para este programa de emprendemento ascende aos 2.025.000 euros, sendo a contía da axuda concedida ás persoas beneficiarias deste Proxecto de 675 euros por cada mes de exercicio efectivo, cun mínimo de 6 meses e un máximo de 12 meses.
O obxectivo deste proxecto é que para o 2019-2020, de acordo á dispoñibilidade orzamentaria, a mocidade cree 250 empresas nos 82 concellos da provincia, co fin de afrontar o reto demográfico de Ourense. Para elo, a Deputación de Ourense puxo en marcha un Punto de Atención ao Emprendedor, en convenio co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, que atenderá ao emprendedor no seu propio municipio desprazándose, deste xeito, a administración provincial ao territorio. Este PAE será un soporte que facilitará a creación de novas empresas, o inicio efectivo da súa actividade e o seu desenvolvemento, a través da prestación de servizos de tramitación de documentación e apoio, permitindo a creación da empresa nos municipios máis rurais en tan só 48 horas.
Esta iniciativa da institución provincial obtivo unha axuda na convocatoria de axudas efectuada polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública, a través da cal concedíanse axudas a entidades locais para o financiamento de proxectos de emprego, autoemprego e emprendemento colectivo, dirixidas a afrontar o reto demográfico nos municipios de menor poboación, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo (axudas EMP-POEJ).
Destinatarios
As persoas destinatarias do Proxecto EmprendOU será a mocidade de entre 16 e 30 anos, non ocupados e non integrados nos sistemas de educación ou formación, independentemente do seu nivel formativo, e que estean inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo. Ademais, deberán residir durante todo o período de vixencia da axuda nalgún dos "municipios elixibles", podendo participar tanto a mocidade xa residente como aquelas que retornen ou se instalen nestes municipios.
Os interesados en solicitar estas axudas poden facelo en calquera momento ata o 30 de novembro de 2019. Para máis información: https://www.emprendou.com/