Manuel Baltar defende o termalismo como un aliado "para o reto demográfico e a dinamización do rural"
- O presidente da Deputación de Ourense afirmou hoxe no Congreso Internacional "Termalismo 2021-2027", que se celebra no balneario de Lobios, que o traballo en rede, a comunicación, a innovación e considerar a auga como un eixo estratéxico, como estamos a facer na provincia de Ourense, supón unha fortaleza competitiva".
- O congreso, que se celebra no balneario de Lobios, organizado polo proxecto "Raia Termal" e co liderado da Deputación de Ourense, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e os municipios transfronteirizos de Terras de Bouro e Melgaço, reúne a representantes de 17 países que analizan o termalismo desde as perspectivas socioeconómicas, de saúde, turismo e de dinamización do territorio.
Ourense, 17 de setembro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu hoxe na primeira xornada do congreso internacional termal, que se celebra en Lobios, ao termalismo como un aliado "para o reto demográfico e a dinamización do rural". Baltar afirmou: "O traballo en rede, a comunicación, a innovación e considerar a auga como un eixo estratéxico, como estamos a facer na provincia de Ourense, supón unha fortaleza competitiva".
O congreso, baixo o título de "Termalismo 2021-2027. Dinamización dos territorios e reto demográfico", contou no acto inaugural coa participación do vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Armando Ojea, quen destacou a importancia de promover o desenvolvemento sostible nos territorios que abrangue o proxecto Raia Termal e potenciar os recursos turísticos e de patrimonio para que esta zona sexa un motor económico".
O congreso, organizado polo proxecto "Raia Termal" e coliderado pola Deputación de Ourense, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e os municipios transfronteirizos portugueses de Terras de Bouro e Melgaço, reúne a representantes de 17 países que analizan o termalismo desde as perspectivas socioeconómicas, de saúde, turismo e de dinamización do territorio.
O presidente do goberno provincial participou, xunto a Thierry Dubois, presidente da European Spas Association, no panel "Territorios termais en Europa, importancia e horizonte de oportunidades", salientando a innovación que supuxo en 2014 a posta en marcha, conxuntamente entre a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, do Plan "Ourense, a provincia termal", que se atopa executado ao 70 % e que viu como nestes anos se teñen aberto novas instalacións termais como os balnearios de Cortegada e o de Caldas de Partovia e, en meses, poderemos gozar do novo balneario de Berán". "Realidades -afirmou- que foron acompañadas polo labor dos concellos e pola colaboración público-privada, e neste sentido teño que recoñecer o traballo que realiza a Fundación San Rosendo, unha das alma-mater do termalismo en Ourense".
Un esforzo empresarial, administrativo, institucional e de boas prácticas que fixo posible, destacou o presidente Baltar, que Ourense acadase "esa imaxe de "provincia termal" gañada a pulso". "Un traballo que ten moito que ver coas once vilas termais da provincia e, en total, cos vinte concellos que contan no seu territorio con surxencias e outras cuestións de carácter termal que poden ter unha explotación adecuada, rendible e sostible no ámbito termal", expresou, lembrando tamén o labor que fai a Universidade de Vigo, "co Campus da Auga en Ourense, que nos achega o coñecemento e a perspectiva científica que debe acompañar calquera política pública neste ámbito".
Baltar salientou as diferentes perspectivas nas que traballa a Deputación de Ourense no ámbito termal, e ademais da saúde e o turismo citou o "termalismo deportivo": "En instalacións balnearias como as de Laias ou Arnoia, coa posta en marcha de infraestruturas de pantaláns e ximnasios, conseguimos que as mellores seleccións do mundo de remo e piragüismo veñan a Ourense a preparar campionatos do mundo e de Europa, e olimpíadas, o cal da unha grande visibilidade e proxección á nosa provincia".
O traballo en rede nos ámbitos nacional e internacional é outro dos aspectos que Manuel Baltar considera fundamental para seguir impulsando esa visión integral de provincia e, sinaladamente, para a promoción dunha das grandes fortalezas do territorio ourensán, como e o termalismo. Un labor que Baltar tamén desenvolve desde a xunta de goberno da FEMP; como presidente de Partenalia, a asociación europea de gobernos provinciais; como vicepresidente da CEPLI, a confederación europea de poderes locais intermedios, e nuns días, desde o cargo de presidente da rede termal pública máis importante do mundo, a EHTTA, que integra a 51 espazos termais de 17 países.
O congreso, no que participan uns cen representantes de 17 países, forma parte das actuacións do proxecto "Raia Termal", cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. Este proxecto pretende poñer en valor os recursos naturais termais e vertebrar de xeito conxunto as iniciativas de xestión e comercialización para crear un único destino termal de fronteira e contribuír así ao desenvolvemento do termalismo e favorecer o turismo de calidade na zona transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal.
Na xornada de hoxe entre os relatores participantes destacan o xornalista Manuel Campo Vidal, presidente de Next Educación, quen vén traballando coa Deputación de Ourense en iniciativas a prol do reto demográfico, e quen hoxe expuxo a súa visión do reto demográfico en Europa desde a perspectiva dos territorios rurais con balnearios.
Tamén se analizou por parte de Emilio Canda, do Ministerio de Facenda, o ámbito dos fondos comunitarios e as oportunidades para os territorios termais; o ámbito de Asia e os enfoques da dinamización rural baseada no termalismo; a experiencia de Foz de Iguaçú a través do termalismo; o turismo de benestar nas zonas rurais do norte de Portugal; a desestacionalización dun destino termal, e o reto de manter poboación nos territorios rurais por medio do turismo termal.