Fernando Suárez, director de Transparencia da Deputación de Ourense, novo presidente do Consello Xeral de Enxeñería Informática de España

Compartir

  • Manuel Baltar, quen incorporou a Suárez en 2017 ao equipo directivo do goberno provincial, felicítao pola elección afirmando que "contar cos mellores é unha estratexia de éxito que permite aplicar coa máxima profesionalidade as directrices políticas da institución provincial na procura da excelencia na xestión".

Ourense, 21 de setembro de 2019.- O director da área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez, foi elixido hoxe novo presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais Enxeñería Informática de España (CCII), na asemblea celebrada en Madrid por este órgano colexial. Suárez, quen se incorporou en decembro de 2017 ao equipo directivo da Deputación de Ourense, da man do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, substitúe a Juan Pablo Peñarrubia na Presidencia do órgano que regula a actividade dos colexios profesionais de enxeñería informática de España.

Manuel Baltar felicita a Fernando Suárez e valora "moi positivamente" esta elección afirmando que "contar cos mellores é unha estratexia de éxito que permite aplicar coa máxima profesionalidade as directrices políticas da institución provincial na procura da excelencia na xestión", destacando de Suárez o labor que está a desenvolver no ámbito da Transparencia na institución provincial e na execución do programa "Provincia Intelixente", así como nas labores de actualización, documentación e implementación de novos procesos de innovación na Deputación de Ourense.

Neste sentido, o presidente do goberno provincial salienta "un dos importantes logros que temos acadado e no que destaca o labor de Fernando Suárez: o proxecto "Hay un Ourense para ti. Descúbrelo", que situará á provincia de Ourense na vangarda tecnolóxica dos recursos turísticos". Esta iniciativa, derivada do proxecto "Provincia Intelixente", incluído no Plan Ourense 15-19 de Manuel Baltar, foi aprobada na convocatoria de axudas de Destinos Turísticos Intelixentes de Red.es, o que supón para a provincia de Ourense unha inxección económica de tres millóns de euros —co-financiados aos 60 % polo Estado—, que se investirán na creación dunha plataforma integral de turismo intelixente que ofrecerá aos turistas servizos tecnolóxicos como: un portal web avanzado de información turística; unha aplicación móbil de turismo da provincia; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; sistemas de Realidade Virtual; solucións de Realidade Aumentada, e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo.

Fernando Suárez inicia esta nova andaina no órgano colexial dos enxeñeiros informáticos de España, labor que compaxinará con seu traballo profesional na área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense. Licenciado en informática pola Universidade da Coruña e presidente da Comisión de Deontoloxía e Ética de CCII, Suárez preside na actualidade o Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia. Ademais da súa labor docente en varias universidades galegas, colabora en tarefas de avaliación para a implantación de títulos oficiais e estudos de Grao e Máster e é vicepresidente e vogal profesional da comisión de Acreditación Euro-Inf da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA).

Ao longo da súa carreira profesional ten recibido diferentes recoñecementos como o galardón outorgado en 2015 pola súa contribución ao desenvolvemento da enxeñería informática en beneficio da sociedade, e o recoñecemento nos Premios Internacionais de Seguridade Cibernética e Protección de Datos, un ámbito, o da seguridade informática, que Fernando Suárez seguirá potenciando desde a súa responsabilidade como máximo dirixente do Consello Xeral de Colexios Oficiais Enxeñería Informática de España.

Como novidade nesta nova etapa, Fernando Suárez afirma que o Consello introducirá a figura do "Colaborador Nacional", "que consistirá en posibilitar que colexiados que non formen parte da xunta de goberno do CCII poidan achegar as súas ideas e opinións en aqueles campos nos que sexan expertos, co obxectivo de seguir potenciando a participación e interactividade" afirma. Outra das iniciativas que porá en marcha son las accións de colaboración para o fomento da educación informática e a formación dos profesionais, medidas que considera "moi necesarias diante da constante evolución do sector TIC", así como "impulsar o Código Ético e Deontolóxico non só entre os colexiados senón tamén entre todos os profesionais e empresas deste ámbito".