Presentación de Enbhiga 2019 en Termatalia
- "Unha experiencia de inmersión total en gastronomía e natureza da provincia de Ourense, para coñecer as nosas tradicións, mesturando cociña, cultura e etnografía", definiu o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, esta iniciativa internacional que chega por primeira vez a Europa.
- O evento celebrarase do 14 ao 19 de outubro e centrarase na promoción dos recursos turísticos de Ourense, cunha programación que alternará as actividades gastronómicas con outras que amosen a riqueza cultural, patrimonial termal e de ocio da provincia.
Ourense, 20 de setembro de 2019.- A feira de turismo termal, Termatalia 2019, acolleu esta mañá a presentación da IV edición de "Enbhiga", o encontro bioceánico-hispano que naceu fai catro anos en Arxentina e que chega por primeira vez a Europa para reunir en Ourense a cociñeiros, touroperadores e medios de comunicación especializados de diferentes países, que coñecerán de primeira man os atractivos turísticos e gastronómicos da provincia.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, salientou no acto de presentación que Enbhiga "é unha experiencia de inmersión total en gastronomía e natureza da provincia de Ourense, para coñecer as nosas tradicións, mesturando cociña, cultura e etnografía". O evento celebrarase entre os días 14 ao 19 de outubro e centrarase na promoción dos recursos turísticos de Ourense, cunha programación que alternará as actividades gastronómicas con outras que amosen a riqueza cultural, patrimonial termal e de ocio da provincia.
Baltar felicitou ao presidente de "Cociña Ourense", Miguel González, "promotor desta iniciativa, que fai posible a asociación de trece restauradores que traballan conxuntamente nun proxecto, unidos esencialmente polo afecto á súa terra, e pola súa visión de Ourense, o que nos permitirá que, en catro semanas, Ourense teñan una proxección internacional por medio dun evento tan importante como Enbhiga".
Baixo o título de "Ourense: La Ruta del Noroeste", Enbhiga 2019 percorrerá as paisaxes da provincia visitando enclaves naturais e paisaxísticos, e tamén pequenos produtores gastronómicos de carácter artesanal, dando a coñecer aos visitantes algunhas das tradicións máis arraigadas na nosa provincia.
Miguel González agradeceu "o apoio da Deputación de Ourense e do presidente Baltar para facer realidade este proxecto", e comentou que ao longo dos percorridos, que se articularán en rutas diarias, os visitantes coñecerán os valores termais, arqueolóxicos, arquitectónicos e monumentais da provincia. "A caravana de Enbhiga visitará tamén centros de formación, adegas e algunhas industrias punteiras no ámbito agroalimentario, que fan de Ourense un destino de turismo gastronómico de primeiro nivel", destacou Miguel González.