Manuel Baltar, reelixido como membro da Xunta de Goberno da FEMP
- O presidente da Deputación de Ourense, un dos 10 vogais do PP dentro dos 25 que conforman o máximo órgano do poder local en España, reafirma o seu compromiso co municipalismo e sinala como "o gran reto deste mandato a reforma do financiamento local e a estabilidade institucional".
Ourense, 21 de setembro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi reelixido hoxe como membro da Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), no decurso do pleno celebrado en Madrid e no que participaron un milleiro de alcaldes e responsables locais, na cita máis importante do municipalismo español –que chega á súa duodécima edición-, que se convoca cada catro anos. O obxectivo deste plenario é adaptar as estruturas da FEMP aos resultados das eleccións municipais e decidir as liñas políticas e de traballo que marcarán este novo período de mandato do órgano do municipalismo en España, onde os responsables dos concellos, deputacións, cabildos e consellos insulares xurdidos das eleccións do pasado 26 de maio deseñan a folla de ruta do mundo local para os próximos anos.
Manuel Baltar é un dos 10 vogais do Partido Popular dentro dos 25 que conforman o máximo órgano do poder local en España –o único presidente de deputación xunto á de Palencia-, unha lista única do municipalismo español, aprobada unanimemente. Neste sentido, valorou a súa reelección reafirmando o seu "compromiso co municipalismo" e sinalando como "o gran reto deste mandato a reforma do financiamento local e a estabilidade institucional".
O presidente da institución provincial repite, así, presenza no goberno do municipalismo nacional tras formar parte xa da dirección da FEMP no mandato 2015-2019, sendo o primeiro mandatario ourensán que integra o corpo directivo desta federación desde a súa creación en 1985.
No vindeiro mes de outubro, ademais, Manuel Baltar será elixido, por unanimidade, en Bruxelas presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA), a entidade pública máis importante do termalismo internacional -que agrupa a 51 sitios termais de 17 nacións europeas-, e actualmente ostenta tamén a Presidencia de Partenalia, a asociación europea de gobernos provinciais, e a vicepresidencia –o único membro español- da Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios, representatividades institucionais de carácter nacional e internacional que contribúen a dar visibilidade ás iniciativas da provincia de Ourense, por medio da presenza do presidente Baltar nos órganos de xestión destas importantes entidades público-privadas con capacidade de decisión.
"O traballo en rede dos gobernos eleva as posibilidades dos territorios", afirma Baltar, quen agradece a unanimidade sempre das súas eleccións, "o que reforza a solidez e credibilidade do proxecto político que representa Ourense".
En concreto, sobre a súa reelección como membro da Xunta de Goberno da FEMP, Manuel Baltar agradece "a confianza recibida por parte da dirección nacional do PP, na persoa do seu presidente, Pablo Casado, e do secretario xeral, Teodoro García Egea", e entende que con esta elección vese recoñecida, ademais dos resultados electorais -que sempre sitúan a Ourense entre as mellores provincias de España-, "a planificación estratéxica (Plan de mandato 72/73); a xestión económica (débeda cero na Deputación); a innovación na administración pública; a transparencia (Ourense é líder nacional dos gobernos provinciais), e a cooperación cos concellos", valora o presidente Baltar.
Ao longo da xornada deste sábado, no XII pleno da FEMP celebrado en IFEMA, tivo lugar a elección da mesa do pleno, as das comisións de traballo, e o debate e posterior aprobación das propostas de resolución, que marcarán o labor da federación ao longo deste mandato. Neste sentido, as comisións abrangueron temas relacionados cos gobernos locais, a administración e o territorio, a cohesión social, a sostibilidade e os estatutos, un plenario no que foron elixidos os novos órganos de goberno: Presidencia, vicepresidencias, os 25 vogais da Xunta de Goberno, e os 61 membros do Consello Territorial.