Adhesións en favor de Alfredo Conde como "Fillo predilecto da provincia de Ourense"

Compartir

  • O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial a representantes de diferentes colectivos sociais que están a recoller sinaturas a prol da iniciativa do goberno provincial, que distinguirá a Conde con este recoñecemento "pola defensa da cultura ourensá ao longo dunha prolífica carreira literaria" e o seu labor "como embaixador da intelectualidade da provincia de Ourense", afirma Baltar.

Ourense, 25 de setembro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial a representantes de colectivos sociais e culturais que están a traballar na recolleita de sinaturas para apoiar o nomeamento do escritor Alfredo Conde como Fillo predilecto da provincia de Ourense, unha recolleita que xa ten rexistradas sinaturas de veciños dos 92 concellos da provincia.

A proposta de outorgamento deste recoñecemento, impulsada por Manuel Baltar, ten a súa razón de ser "pola defensa por parte de Alfredo Conde da cultura ourensá ao longo da súa prolífica carreira literaria e como excelente embaixador da intelectualidade da provincia de Ourense", afirma Baltar, quen confirmou o desenvolvemento dos trámites administrativos correspondentes, unha iniciativa que o presidente do goberno provincial cualifica de "xustiza cultural para un dos grandes das nosas letras". Neste sentido, a orde do día do pleno da Deputación de Ourense do vindeiro venres inclúe para a súa aprobación a incoación do dito expediente para o nomeamento de Fillo predilecto da provincia de Ourense a Alfredo Conde.

Alfredo Conde (Allariz, 1945), escritor, historiador e político, foi vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega e presidente do PEN Galicia. Ten acadado premios da maior relevancia no ámbito literario como o Nadal, o Nacional de Literatura, o "Julio Camba" e o "Fernández Latorre", de periodismo, o Premio Nacional da Crítica, o "Blanco Amor" de novela, o premio Ateneo de Valladolid, e a medalla Castelao, entre outros recoñecementos. A súa obra -na que destaca Xa vai o griffón no vento, Os outros días, Breixo, e O Beato- ten sido traducida ao inglés, italiano, chino, francés e ruso.