O congreso internacional "Ourense Rural Summit" reunirá a expertos europeos sobre reto demográfico, medio ambiente e economía rural
- O evento, que marcará a folla de ruta do Observatorio de Investigación Rural, celebrarase do 29 ao 31 de outubro no mosteiro de Santo Estevo e clausurarase no mosteiro de Oseira.
- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron hoxe no Pazo Provincial un convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades para a creación do Observatorio e cooperar tamén en programas de emprego, apoio á natalidade e desenvolvemento rural.
Ourense, 26 de setembro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron hoxe no Pazo Provincial un convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades para a creación do Observatorio de Investigación Rural –para o cal a Deputación achega un orzamento de 150.000 euros- e cooperar tamén en programas de emprego, apoio á natalidade e desenvolvemento rural. Unha das principais iniciativas que contempla o convenio é a organización do congreso internacional "Ourense Rural Summit", que reunirá aos principais expertos europeos sobre reto demográfico, medio ambiente, cooperativismo e economía rural, un evento que marcará a folla de ruta do Observatorio de Investigación Rural, e que se celebrará do 29 ao 31 de outubro no mosteiro de Santo Estevo e clausurarase no mosteiro de Oseira.
Baltar e Reigosa coincidiron en destacar o interese de Deputación de Ourense e Universidade de Vigo nesta cooperación para a creación do Observatorio de Investigación Rural, coa finalidade de favorecer o desenvolvemento integral e inclusivo do medio rural na provincia de Ourense. O dito Observatorio ten vocación internacional e investigadora e está en liña co reto demográfico que Galicia e Europa acusan especialmente, polo que procurará unha aplicación práctica do coñecemento que reside na Universidade de Vigo en proveito da sociedade, contribuíndo ao crecemento intelixente, sostible e inclusivo de Ourense, Galicia e Europa fomentando a creación de emprego rural.
O presidente do goberno provincial destacou que con este congreso internacional e co desenvolvemento de iniciativas no ámbito do Observatorio, "Ourense situarase no epicentro das políticas innovadoras sobre o medio rural, o que permitirá visibilizar desde Ourense o gran potencial do rural no ámbito nacional e internacional", afirma Baltar.
Este congreso é unha das propostas de Manuel Baltar, integrada no plan de mandato "Ourense 7273", iniciativa en plena sintonía co reitor Reigosa, un evento que contará cos mellores especialistas no ámbito rural, quen analizarán as perspectivas de futuro do medio rural, unha área moi vinculada á do reto demográfico, que Manuel Baltar reivindica desde a Deputación de Ourense e tamén desde Partenalia, como presidente desta rede europea de gobernos provinciais, así como noutros foros nacionais e internacionais.
No acto de sinatura do convenio, Baltar e Reigosa estiveron acompañados pola vicerreitora do Campus de Ourense, Esther de Blas; o secretario xeral da Universidade de Vigo, Miguel Michinel, e a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval.
O convenio contempla, ademais outras accións como o "Plan de Emprego vinculado ao turismo cultural e ao Emprendemento", o "Plan Provincial de Apoio á Natalidade", a Rede Europea de Desenvolvemento Rural (REDR) "Ourense 2015-2020", o proxecto de "Provincia Smart" da Deputación e o "Programa de Desenvolvemento rural 2014-2020 de Galicia", así como iniciativas no marco da Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal e da Axenda 2030 das Nacións Unidas. Así mesmo, terá en conta o labor do Observatorio Económico Ourensán e o que os expertos denominan "España vacía", "silver economy" e "rural bioeconomy".
O acordo regula a colaboración entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense para executar accións destinadas á contribución ao desenvolvemento social, educativo, demográfico e económico do medio rural mediante a creación do Observatorio de Investigación Rural na provincia de Ourense.
Neste sentido, os obxectivos do Observatorio son preparar e desenvolver proxectos colaborativos de investigación, cooperación e innovación relacionados co medio rural, coa participación dos investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo co fin de dar resposta ás necesidades sociais máis importantes do mundo rural; e organizar e actividades científicas, tales como: congresos, cursos, conferencias, simposios ou seminarios, a diferentes niveles e cuxos resultados sexan de aplicación para contribuír ao desenvolvemento do rural.
Tamén contempla poñer en valor a excelencia do medio rural mediante un sistema de colaboración público-privado e académica, que explore as fortalezas e potencialidades do mundo rural; potenciar o Observatorio como un mecanismo de atracción do talento internacional e como motor económico e dinamizador da provincia de Ourense e da poboación rural en Europa; e, seguindo a liña da Axenda 2030, promover accións en favor da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, o fomento da inclusión social, redución da pobreza, o desenvolvemento e sostibilidade económico-ambiental e facer fronte á crise climática no rural.
O Observatorio tamén desenvolverá programas de investigación que favorezan o envellecemento activo e saudable e a creación dun programa interxeracional para a inclusión dos maiores no rural; e será un laboratorio de ideas, experiencias e boas prácticas no entorno rural, cuxo ámbito de aplicación poida ser extrapolable fóra da provincia noutros contextos europeos e internacionais, que será respaldado pola constitución dun Comité Internacional de Expertos e Expertas do Rural.
Ademais, fomentará a cooperación transfronteriza no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no ámbito do rural, e levará a cabo publicacións, traballos de investigación e actividades formativas, potenciando, asemade, o observatorio como incubadora e aceleradora, promovendo o emprendemento e novos modelos de negocio no rural, incorporando os beneficios da aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación, das enerxías renovables, da "silver economy" e outros recursos sostibles.