Viaje al cuarto de una madre, de Celia Rico, recibe o Premio "Eduardo Barreiros" do OUFF
- A película inaugurou o galardón que o Festival de Cine de Ourense entrega á mellor ópera prima realizada no último ano. Proxectouse esta noite no Teatro Principal, trala entrega do premio, nunha gala que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.
Ourense, 29 de setembro de 2019.- Con motivo do centenario do nacemento de Eduardo Barreiros, unha das figuras fundamentais do motor en España, a 24ª edición do Ourense Film Festival (OUFF) entregou un premio co nome do emprendedor ourensán á mellor ópera prima do cinema español estreada no último ano, entre setembro e setembro, ano natural do festival. "Viaje al cuarto de una madre" de Celia Rico é a longametraxe elixida, que recibiu o galardón este domingo no Teatro Principal, acto que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.
A directora Celia Rico e a actriz Lola Dueñas visitaron o festival para recibir o premio e falar da película, "aparentemente pequeniña pero peliculón", en palabras de Dueñas, que foi nomeada ao Goya á mellor actriz principal por este traballo. A actriz, que se inspirou na nai da directora para crear o personaxe, confesou que dubidou en aceptar o papel porque o imaxinaba "a alguén maior", pero que o traballo de Celia Rico e a súa complicidade con Anna Castillo, que interpreta á súa filla na ficción, convencérona.
Pola súa banda, Celia Rico destaca "o traballo delicado, profundo e tan ben feito" das dúas actrices así como a súa implicación no proxecto. "Foron moi xenerosas co tempo que me deron", asegurou.
O Premio Eduardo Barreiros súmase aos xa recibidos pola película no último ano e nos que destacan catro nominacións aos Premio Goya 2018 incluídas mellor dirección novel, mellor montaxe e mellor actriz protagonista e de reparto; Premio Feroz á mellor actriz de reparto (Anna Castillo); e Premios Gaudí ao mellor guión, actriz e actriz secundaria.
O acto de entrega do premio tivo lugar esta noite no Teatro Principal nunha gala presentada por Marcos Rocha á que asistiron Lola Dueñas e a directora Celia Rico. Foron Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; Juan Cid, representante da Fundación Eduardo Barreiros, e Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do festival, os encargados de facer entrega do galardón.
Vinculado co emprendedor ourensán, o OUFF 2019 ten programado xa dentro do ciclo de Sesións Especiais, a proxección do documental "Barreiros, Motor humano". Será o venres 4 de outubro, ás 20.00 horas, tamén no Teatro Principal.
Eduardo Barreiros
Partindo dun pequeno taller en Ourense, Eduardo Barreiros, iniciou un gran complexo industrial empresarial que contribuíu decisivamente á motorización de España. O emprendedor ourensán é coñecido pola transformación patentada de motores de gasolina a diésel e pola posterior fabricación de camións e vehículos industriais. A súa figura serve de inspiración para a incorporar no OUFF 2019 un novo recoñecemento dentro do sector audiovisual.