Deputación de Ourense e CEO analizan proxectos de cooperación

Compartir

Ourense, 30 de setembro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe no Pazo Provincial coa presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Marisol Nóvoa, e co secretario xeral desta entidade empresarial, Jaime Pereira, para analizar temas de cooperación entre ámbolos dous entes, "co obxectivo común de seguir impulsando a competitividade social e empresarial da provincia de Ourense", expresou Manuel Baltar. Iniciativas como o Plan ExportOU, a Oficina de atracción de investimentos, accións para o fomento do cooperativismo e do emprendedurismo, así como as misións comerciais que fomentan un coñecemento por parte de mercados estranxeiros das potencialidades das empresas ourensás, foron algúns dos temas que se analizaron na reunión.

O presidente do goberno provincial incidiu na importancia de que esta alianza de colaboración Deputación de Ourense-CEO se reforce tamén en sectores como o termal e os servizos turísticos, "que están chamados a ter un especial protagonismo coa chegada da Alta Velocidade á nosa provincia", e salientou "o espírito empresarial" do plan de mandato "Ourense 7273", que centra as súas accións en promover a competitividade económica de Ourense, unha estratexia na que a institución provincial e a CEO van da man para planificar e poñer en marcha iniciativas conxuntas".