A Deputación de Ourense, no Comité técnico da Rede Española de Cidades Intelixentes

Compartir

  • O director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da institución provincial, Fernando Suárez, participa neste cumio de innovación e sostibilidade, que se celebra en Valencia, onde expón o proxecto "Hay un Ourense para ti. Descúbrelo".

  • Esta iniciativa de turismo intelixente, para a que se destinan 3 millóns de euros, desenvólvese entre a Deputación de Ourense e Red.es, e abrangue unha plataforma smart, aplicacións para móbiles, unha guía con contidos interactivos, cámaras para monitorización de rutas e seguimento dos lugares máis visitados.

  • Manuel Baltar afirma que este sistema que une turismo, innovación e interacción cidadá "situará a Ourense á cabeza das experiencias turísticas de vangarda aplicadas ao ocio, cultura, termalismo, natureza e gastronomía", e disporá, ademais, dun portal web; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; Realidade Virtual e Realidade Aumentada, e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo.

Ourense, 3 de outubro de 2019.- A Deputación de Ourense participa hoxe en Valencia no Comité técnico da Rede Española de Cidades Intelixentes, un cumio de innovación e sostibilidade no que o director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da institución provincial, Fernando Suárez, expón o proxecto "Hay un Ourense para ti. Descúbrelo", unha iniciativa de turismo intelixente -para a que se destinan 3 millóns de euros-, e que será desenvolvida pola Deputación de Ourense e Red.es, "co obxectivo de achegar aos usuarios un turismo provincial máis interactivo e innovador", afirma o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. O sistema abrangue unha plataforma smart, aplicacións para móbiles, unha guía con contidos interactivos, cámaras para monitorización de rutas e seguimento dos lugares máis visitados.

Baltar remarca que esta solución tecnolóxica "une turismo, innovación e interacción cidadá", "e situará a Ourense á cabeza das experiencias turísticas de vangarda aplicadas ao ocio, cultura, termalismo, natureza e gastronomía", dispoñendo, ademais, dun portal web; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; Realidade Virtual e Realidade Aumentada, e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo.

Pola súa banda, o director da Área de Transparencia e Goberno Aberto salienta "o protagonismo da Deputación de Ourense, que participa neste encontro onde se exporán boas prácticas desenvolvidas nos ámbitos dos destinos turísticos intelixentes, enerxía, medio ambiente, habitabilidade, infraestruturas, mobilidade urbana e economía, entre outros".

O Comité técnico da Rede Española de Cidades Intelixentes (RECI) forma parte do programa oficial da 9ª Green Standards Week que organiza a Unión Internacional de Telecomunicacións, organismo de Nacións Unidas, o que se considera o encontro máis importante de ámbito internacional en materia de tecnoloxías da información e comunicación destinadas a protexer o medio ambiente, avanzar na economía circular e acelerar a transición cara ás cidades intelixentes e sostibles.

Nesta liña, o proxecto da Deputación, "Hay un Ourense para ti. Descúbrelo", permitirá aos turistas que se acheguen á provincia dispoñer dun acceso rápido, sinxelo e intuitivo de toda a información de interese dos principais recursos turísticos da provincia (liña "Ourense ao teu alcance"); de servizos personalizados "baixo demanda" (liña "Sinte Ourense"), e terán acceso a experiencias inmersivas (liña "Ourense guíate").

Un aspecto clave do proxecto é a integración nun único punto de toda a información turística da provincia de Ourense por medio dun modelo tecnolóxico aberto (Open Data) sobre o que se fomente a participación, o diálogo e a colaboración entre os turistas a través das canles dixitais.