O Ourense Film Festival pecha a súa 24 edición coa vista posta xa no seu 25 aniversario
- Parásito, do surcoreano Boon Joon-Ho, recibiu o Premio Calpurnia á Mellor Película e ao Mellor Guion, na gala de clausura celebrada no Auditorio de Ourense, presentada por Ledicia Sola e Paloma Lago.
- A outra protagonista foi a película Monos, de Alejandro Landes, que recibiu o Premio ao Mellor Director e o galardón á Mellor Interpretación, para a estadounidense Julianne Nicholson. Tamén distinguiu o xurado co seu Premio Especial ao filme O que arde, de Oliver Laxe, "pola súa capacidade lírica para denunciar un mundo en extinción".
- O Premio Ourense, un dos máis arraigados na historia do OUFF foi para o director ourensán Norberto López Amado, quen desde finais deste ano dirixirá a serie 3Camiños.
Ourense, 6 de outubro de 2019.- A película Parásito, do surcoreano Boon Joon-Ho, recibiu onte o Premio Calpurnia á Mellor Película e ao Mellor Guion, na gala de clausura celebrada no Auditorio de Ourense, presentada por Ledicia Sola e Paloma Lago, e que contou, entre outras autoridades coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.
A outra protagonista foi a película Monos, do colombiano Alejandro Landes, que recibiu o Premio ao Mellor Director, e o galardón á Mellor Interpretación, para a estadounidense Julianne Nicholson. Tamén distinguiu o xurado co seu Premio Especial ao filme O que arde, de Oliver Laxe, "pola súa capacidade lírica para denunciar un mundo en extinción", e o Premio Ourense, un dos máis arraigados na historia do OUFF foi para o director ourensán Norberto López Amado, quen desde finais deste ano dirixirá a serie 3Camiños.
Desta maneira, o Ourense Film Festival (OUFF 2019) pechou a súa 24 edición cunha gala de clausura que pon o punto e final a nove días de cine. O festival, referente do audiovisual en Galicia, remata coa entrega do palmarés unha edición onde o público ourensán encheu as salas de cine para respaldar a programación. Cine, audiovisual, estreas de producións, encontros co sector, obradoiros, publicacións propias e alleas, exposicións vinculadas ao cinema e música completan un amplo programa que fixo de Ourense, de novo, a capital do cine.
Coa gala de clausura chegou o final dunha edición que quixo ser desde o inicio unha homenaxe aos espectadores. Novamente o lema #EuSonDoOUFF serviu para aglutinar o sentir de actores, directores, produtores e público en torno a un certame que mira xa cara o seu 25 aniversario. En total, na sección oficial, dos 500 traballados de 15 nacionalidades presentados foron seleccionadas 15 películas.
Durante a gala marcada pola conta atrás cara a 25 edición, amenizada polas actuacións do grupo Orimi, ademais da entrega do palmarés déronse a coñecer os premios de OUFF en Curto: primeiro premio do xurado profesional para "Soy una tumba", segundo premio para "De repente, la noche", mención especial para "En la boca de la mina", galardón do público para "Subway" e premio do xurado millenial ao mellor videoclip para "De bruma e salitre" do grupo Mileth, dirixido por Xaime Miranda.
Así mesmo, AISGE fixo entrega durante a gala dos premios á mellor interpretación en curtas que foron para Marta Nieto por "De repente la noche" e Jaime Elías por "O que medra por dentro".
Fóra de competición, "La Trinchera infinita", triunfadora do Festival de San Sebastián, chega a Ourense para dar por rematada unha semana de proxeccións na que tiveron cabida seccións xa de peso no festival como Panorama Galicia, Inédito en Ourense e Sesións especiais ás que neste ano sumouse o ciclo Cine e Auga e a Retrospectiva sobre cinema mexicano.
O toque gastronómico ofreceuno para todo o público asistente á gala de clausura Cociña Ourense e Sabores de Ourense. As súas atractivas propostas, algunhas baseadas nas películas premiadas e con toques aos seus argumentos, están elaboradas para enxalzar o noso produto autóctono e de proximidade.
Repaso do OUFF 2019
Entre as novidades da programación do OUFF 2019 destaca a incorporación de videoclips a competición, a incorporación da ficción televisiva dentro da sección OUFF Transmedia (coas estreas de Pasaporte Galego adicado a Luis Tosar e que foi gravado en parte no OUFF 2018 durante a entrega do Premio Ourense ao actor; "Desaparecidos. La serie", o último traballo de Juan Echanove e Michelle Calvó; e mesmo a Premio OUFF Televisión que se entregou por primeira vez nesta edición).
O Premio Calpurnia de Honra Internacional tamén foi entregado por primeira vez nesta edición. José García foi o homenaxeado que xunto a María Bouzas, Vaca Films e agora Norberto López Amado completan o listado de premios honoríficos. Como novidade este ano, concédese o premio Barreiros á ópera prima "Viaje al cuarto de una madre" e o premio OUFF Televisión a Cristina Castaño.
Un programa completo no que destacan exposicións, publicacións propias e unha potente área formativa no que destacaron os talleres dos cineastas Xavier Bermúdez, Alberte Pagán e Oliver Laxe.
A Comisión Organizadora do Ourense Film Festival concede os premios "Galicia", "Mellor banda sonora" e "Mellor cineasta". Os galardóns teñen carácter transversal, valorando para a concesión dos mesmos todas as obras presentadas no OUFF:
Premio Galicia: O que arde, Oliver Laxe.- Máis alá dos seus valores plásticos e formais, "O que arde2 destaca polo seu compromiso coa identidade e a lingua galega, a súa reivindicación da terra e os valores da mesma. Oliver Laxe foi quen de facer da súa película un proxecto universal que está sendo recoñecido en todo o mundo, espallando a imaxe e a cultura galega coa súa película.
Premio Mellor Banda Sonora: Gaiza Urresti por Aute Retrato.- Gaizka Urresti conseguiu con "Aute Retrato" plasmar con singular mestría o panorama musical e sentimental de varias xeracións, tomando como base para iso a figura dun artista total, Luis Eduardo Aute. Polo seu traballo, a comisión organizadora do OUFF acordou conceder Gaizka Urresti o premio á mellor banda sonora.
Premio Mellor Cineasta: Marlén Viñayo por Cachada.- O galardón que outorga a Comisión Organizadora do OUFF en colaboración con CIMA, Asociación de mujeres cineastas y de medios audiovisuales, á mellor cineasta con obra neste festival recaeu en Marlén Viñayo, por conseguir plasmar e trasladar ao espectador a realidade dun grupo de mulleres do Salvador e a súa experiencia nun obradoiro de teatro. A forza das cinco vendedoras ambulantes de "Cachada" e o traballo da súa directora son recoñecidas co premio que concede o OUFF en colaboración con CIMA.
O público é protagonista e soberano no Ourense Film Festival e a súa decisión inapelable. E os espectadores do OUFF 2019 concederon o Premio do Público a "La odisea de los giles", de Sebastián Borensztein, que conseguiu un 4,45 sobre 5 na valoración dos espectadores que acudiron ás sesión do festival.
Sección oficial
O veredicto do xurado, integrado nesta 24ª edición por: Laura Gárdos, presidenta; Pilar Revuelta, Miguel Barros, Nieve de Medina e Isabel Blanco, foi:
CALPURNIA Á MELLOR PELÍCULA (18.000 €): "Parásitos", Bong Joon-Ho.
PREMIO CARLOS VELO Á MELLOR DIRECCIÓN (4.000 €): Alejandro Landes, por "Monos".
PREMIO ESPECIAL DO XURADO (2.000 €): "O que arde" pola "súa capacidade lírica para denunciar un mundo en extinción".
PREMIO AO MELLOR GUIÓN (2.000 €): Bong Joon-Ho por "Parásitos".
PREMIO Á MELLOR INTERPRETACIÓN (2.000 €): Julianne Nicholson por "Monos".
MENCIÓN ESPECIAL DO XURADO para "Chicuarotes" por "retratar unha dolorosa realidade mexicana servíndose de recursos tan diversos como a alegoría, o realismo sucio ou humor, convertíndoo paradóxicamente nun emocionante conto macabro"
OUFF EN CURTO E VIDEOCLIPS
OUFF EN CURTO
XURADO PROFESIONAL: Sabela Hermida (presidenta), Matías Tarrío e Marta Porto
● 1º PREMIO (1000 €): "Soy una tumba", de Khris Cembe (11 min.)
● 2º PREMIO (500 €): "De repente, la noche", de Cristina Bodelón e Ignacio de Vicente (25 min.)
● MENCIÓN ESPECIAL: "En la boca de la mina", de Brandán Cerviño (22 min.)
PREMIO AISGE Á MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA: Marta Nieto por "De repente la noche".
PREMIO AISGE Á MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA: Jaime Elías por "O que medra por dentro".
PREMIO DO PÚBLICO (300 €): "Subway", de Carlos García de Dios (5 min.)
VIDEOCLIPS
XURADO "MILLENIAL": Elisa Lima Conde, Saúl Vidal Salgado, Xabier Fernández Jardón, Daphne Calviño Parra e David Sobrino Gonçalves.
PREMIO (300 €): "De bruma e salitre", do grupo Mileth, e dirixido por Xaime Miranda (7 min.)
FAS MUVIS 2019
CATEGORÍA XERAL:
1º PREMIO (600 €): Desencontro. Beatriz Fernández (directora) e Clara Miñán (produtora)
2º PREMIO (200 €): Ourense Vive. Beatriz Martínez (directora) e Ainhoa Martínez (produtora)
CATEGORÍA ESCOLA:
PREMIO ÚNICO (400 €): A Pinga. Lara Rodríguez (directora) e Bárbara Rodríguez (produtora)
Proxeccións das películas gañadoras
Hoxe domingo proxectaranse as películas gañadoras no Teatro Principal:
17:30h Mellor curta + Premio Galicia. "Soy una tumba", de Khris Cembe + "O que arde", Oliver Laxe.
20:00h Mellor Película "Parásitos", Bong Joon-Ho.
22:30h Mellor Fas Muvis + Premio Público. Desencontro de Beatriz Fernández e Clara Miñán + La odisea de los giles, de Sebastián Borensztein
As entradas que manteñen o prezo de 4 € (pódese utilizar bono) venderanse unha hora antes no despacho de billetes.