O proxecto do Centro Galego de Innovación da FP estará licitado e adxudicado antes de que remate 2019

Compartir

Ourense, 14 de outubro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiron hoxe no Pazo Provincial a reunión da comisión de seguimento para a creación do Centro Galego de Innovación da FP, en Ourense, comisión que tivo coñecemento do proxecto de execución desta infraestrutura. Na xuntanza avanzaron que a obra estaría licitada e adxudicada antes de que remate o 2019. O Centro Galego de Innovación da FP situarase na antiga Escola Fogar de Mariñamansa e vai a impulsar os proxectos de innovación aplicada, novas contornas virtuais de simulación, a xeración de proxectos empresariais e a transferencia aplicada a patentes. Desde este centro traballarase en colaboración co Inorde para a creación de sinerxías co sector produtivo e favorecer a transferencia de coñecemento dos centros á industria.