A Deputación de Ourense expón o proxecto EmprendOU na comarca de Terras de Celanova
Ourense, 17 de outubro de 2019.- A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, visitou hoxe a sede da Mancomunidade de Celanova, para continuar a explicar o proxecto EmprendOU, que desenvolve a institución provincial para afrontar o reto demográfico, nas diferentes comarcas da provincia de Ourense co obxectivo de chegar a toda a cidadanía. Nesta ocasión, a deputada provincial expuxo as liñas básicas do proxecto aos rexedores locais e técnicos dos concellos que conforman a comarca de Terras de Celanova.
A través de EmprendOu, a Deputación de Ourense concede axudas de 675 euros ao mes para mozos que presenten proxectos empresariais ou de auto - emprego en municipios rurais de menor poboación, para apoiar a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles", en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.