A Federación de Asociacións Galegas da Arxentina entrega á Deputación de Ourense un arquivo con documentos dixitalizados da emigración ourensá en Bos Aires

Compartir

  • Manuel Baltar, quen recibiu hoxe no Pazo Provincial, ao presidente desta entidade da emigración, Diego Martínez Duro, destacou "a inestimable fonte de coñecemento sobre a nosa emigración que supón este legado histórico".

Ourense, 23 de outubro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no seu despacho do Pazo Provincial a Diego Martínez Duro, presidente da Federación de Asociacións Galegas da Arxentina e do Museo da Emigración Galega na Arxentina, quen lle fixo entrega ao presidente do goberno provincial dun arquivo dixitalizado sobre a emigración ourensá e galega en Arxentina, compilado pola Federación e que constitúe unha "inestimable fonte de coñecemento sobre a nosa emigración", salientou Baltar, quen agradeceu a achega, destacando "a honra que supón volver a recibir novamente a Diego Martínez Duro na Deputación de Ourense".

No encontro, Manuel Baltar subliñou a colaboración entre a institución provincial e a Federación de Asociacións Galegas da Arxentina, "unha cooperación que se seguirá incrementando nos vindeiros anos porque os tesouros históricos sobre a nosa emigración que ten a federación, de incalculable valor para o sentimento e identidade da nosa terra, é algo que temos que seguir poñendo en valor, pois son referente importante para a nosa cultura e porque sempre temos que lembrar a traxectoria dos nosos emigrantes ourensáns na Arxentina".

Nesta liña da cooperación, Baltar tamén comentou a celebración, en 2020 en Bos Aires, do Día da Galiza Mártir, "que este ano 2019 xa fixemos efectiva en Ourense", remarcando que toda esa homenaxe permanente que mantemos desde a institución provincial debe seguir sendo guieiro e semente para a mocidade e para os ourensáns de hoxe de mañá, para que lembren aos ourensáns do pasado, que contribuíron a facer Ourensanía coa súa obra e o seu traballo", expresou o presidente Baltar.

Pola súa banda, Diego Martínez Duro afirmou que o arquivo do que fai entrega á Deputación de Ourense "é unha mostra da pegada que deixaron os ourensáns emigrados en Bos Aires, unha importante documentación e patrimonio cultural". "Trátase –dixo- de miles de documentos, un verdadeiro arquivo histórico da emigración, que seguirá completándose con outras achegas, e que ten como obxectivo que as persoas que queiran estudar a emigración ourensá o poidan facer desde aquí, desde Ourense, e iso e froito da colaboración e o apoio do presidente Manuel Baltar", salientou Diego Martínez Duro, quen puxo de relevo "a estreita relación que mantén a Federación e o Museo da Emigración coa Deputación de Ourense".