A Deputación de Ourense leva o proxecto EmprendOU á comarca de Verín
Ourense, 24 de outubro de 2019.- A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, continúa a visitar as diferentes comarcas da provincia de Ourense para explicar en cada unha delas o proxecto EmprendOU que está a desenvolver a Deputación de Ourense para afrontar o reto demográfico. Nesta ocasión, Luz Doporto expuxo, na Aula de Formación da Mancomunidade de Verín, as liñas básicas desta iniciativa aos alcaldes e técnicos de emprego dos municipios que integran a comarca de Verín, así como aos participantes dun obradoiro de emprego da Mancomunidade que "amosaron moito interese polo tema", dixo a deputada provincial
O proxecto EmprendOU concede axudas de 675 euros ao mes para mozos que presenten proxectos empresariais ou de auto - emprego en municipios rurais de menor poboación, para apoiar a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles", en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.