A Deputación reitera que o Centro Galego de Innovación da FP en Ourense levará o nome de "Eduardo Barreiros"
- A Xunta de Goberno aprobou hoxe, no día no que se compren cen anos do nacemento deste empresario industrial ourensán, lembrar á Xunta de Galicia que o citado Centro levará o seu nome en homenaxe a súa traxectoria.
Ourense, 24 de outubro de 2019.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe lembra á Xunta de Galicia que o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional en Ourense leve o nome de "Eduardo Barreiros", tal e como anunciara o presidente do goberno provincial na sinatura do convenio entre a Deputación de Ourense, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Consellería de Economía, Emprego e Industria para a creación deste Centro.
Hoxe, 24 de outubro, cómprense 100 anos do nacemento de Eduardo Barreiros en Gundiás, no Concello de Nogueira de Ramuín. O seu carácter pioneiro e a súa andaina empresarial e persoal deixou unha importante pegada no ámbito nacional e internacional, por elo, o grupo de goberno da Deputación reiterou hoxe que o citado Centro leve o seu nome en homenaxe a súa traxectoria.
Por outra parte, en materia de Benestar, aprobouse a resolución do concurso de axudas a persoas físicas que leven a cabo proxectos empresariais e/ou de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico da provincia de Ourense durante o exercicio 2019, no marco do proxecto EmprendOU, posto en marcha pola institución provincial para afrontar o reto demográfico. Deste modo, a Xunta de Goberno aprobou sete axudas de 8.100 euros cada unha (675 euros ao mes), para proxectos de restaurantes, gardería, educación, masaxes terapéuticos, entre outros.
Outro dos asuntos aprobados na xuntanza foi a expropiación forzosa para a execución da obra "proxecto de trazado do acceso ao núcleo de San Vicente de Leira desde a estrada OU-0807", no termo municipal de Vilamartín de Valdeorras, aprobado definitivamente por acordo do 26 de xullo de 2018 do Consello da Xunta de Galicia.
Cooperación
No relativo á cooperación con entidades, a Xunta de Goberno aprobou un total de 293.844 euros para colaborar con proxectos deportivos, empresariais, culturais e de infraestruturas. En concreto, aprobouse unha axuda de 30.000 euros para a Asociación Celanova Chea para os gastos de funcionamento e actividades da entidade correspondentes ao ano 2019. Pola súa parte, a Asociación de Veciños O Loureiro de Bouses recibirá unha axuda de 19.844 euros para a instalación dun depósito de auga, mentres que a Asociación de Veciños de Rabal recibirá unha axuda de 50.000 euros para o abastecemento de auga.
Para Gesmedical-Dis, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 98.000 euros para o proxecto Piloto Social na comarca do Carballiño. Así mesmo, para Zenit Televisión, SA, aprobou unha axuda de 50.000 euros para "Elisa y Marcela". Por último, en materia deportiva, na reunión aprobáronse tres axudas: unha de 14.000 euros para o Grupo Cuevas Nogueira Trail Club Deportivo para as edicións 2018 e 2019 do Trail Ribeira Sacra, outra axuda de 20.000 euros foi para o Centro de Deportes O Barco para os gastos de funcionamento e as Escolas Deportivas correspondentes ao ano 2019, e 12.000 euros para o Club Deportivo Escudería HC Competición para o Ralli Mix A Gudiña 2018.