O colexio Franciscanas de Ourense gaña o torneo "Debate Económico en Bacharelato", celebrado hoxe no Pazo Provincial
- O finalista desta proba na súa fase provincial foi o IES "Cidade de Antioquía" de Xinzo, un torneo que se celebra por primeira vez en Ourense e que ten como obxectivo desenvolver habilidades que axuden aos alumnos na súa vida formativa, laboral e social, afondando nunha maior capacitación para o ámbito económico-empresarial.
- Manuel Baltar destacou na súa intervención no peche do acto a importancia que ten nun debate "a adaptabilidade, a educación e o respecto na confrontación de ideas, así como a medida do tempo", elementos que considera claves para a credibilidade e a excelencia na comunicación da mensaxe.
Ourense, 26 de outubro de 2019.- O colexio Divina Pastora Franciscanas de Ourense foi o gañador da fase provincial do "Debate Económico en Bacharelato" 2019, un torneo para alumnos de 1º e 2º de Bacharelato, primeiro destas características, que consta de fase provincial e nacional, e no que os estudantes deben debater entorno da pregunta: "É a dixitalización clave para o crecemento económico e o emprego de futuras xeracións?".
O debate, no que resultou finalista o IES "Cidade de Antioquía" de Xinzo de Limia, celebrouse esta mañá no salón de plenos da institución provincial coa asistencia do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a presidenta do Colexio de Economistas de Ourense, Carmen Sampayo, directivos desta entidade colexial, representantes de empresas patrocinadores, profesores, alumnos e familiares dos participantes, que foron os verdadeiros protagonistas do acto.
Na súa intervención de peche do acto, o presidente do goberno provincial destacou a importancia que ten nun debate "a adaptabilidade, a educación e o respecto na confrontación de ideas, así como a medida do tempo", elementos que considera claves para a credibilidade e a excelencia na comunicación da mensaxe. Baltar, quen felicitou aos dous equipos finalistas, dixo que falar é importante "pero tamén o é escoitar, porque así aprendemos e xeramos pensamento crítico", e lembrou que hoxe se celebra o Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido (DCA), polo cal tivo unhas palabras de apoio aos doentes e ás familias que padecen este problema.
Asemade, Manuel Baltar remarcou "a andaina de colaboración que neste tempo iniciaron a Deputación de Ourense e o Colexio de Economistas de Ourense, porque a xestión pública é, fundamentalmente, economía, que é a que permite pór en marcha proxectos e plans", e neste sentido, salientou a excelente situación económica pola que atravesa a Deputación de Ourense, con débeda cero, "o mellor estado económico nos 200 anos de historia da Deputación", e lembrou que o ente provincial "é a primeira institución pública en España en aprobar os orzamentos do ano seguinte, como fixemos no pleno do pasado mes de setembro, para que o 2 de xaneiro de 2020 estean a disposición dos veciños e concellos da provincia de Ourense para desenvolver os programas que figuran na nosa Carta de Servizos, iniciativas que contan, todas, coa transparencia como referente, o que fai que a Deputación de Ourense sexa o número 1 en Transparencia de todos os gobernos provinciais de España".
Dirixíndose aos alumnos participantes, o presidente destacou as características fundamentais que definen, na súa opinión, á provincia de Ourense: "traballadora, emigrante e sobre todo creativa, como sodes vós", "nun territorio onde nos singulariza o noso termalismo e a nosa cultura —lembrou que no ano 2020 se conmemoran os 100 anos do primeiro número da revista Nós—, unhas peculiaridades que supoñen un plus para o noso territorio". E concluíu desexando éxitos aos participantes "porque os vosos logros futuros serán tamén éxitos para a provincia de Ourense".
O equipo gañador, do colexio Divina Pastora Franciscanas, está formado por: Yago Fuentes Aller, Miguel Arias Rodríguez, Paula Novoa Iglesias, Lidia Fernández Pérez e Bruno Antonio Ortiz López; eles representarán a Ourense na final nacional que se celebrará en Madrid. O xurado nesta fase provincial estivo integrado por Mónica Villanueva, Javier Casares e Antonio Nespereira, quen coincidiron en destacar a alta calidade nas exposicións e debates dos participantes do colexio Franciscanas e do IES "Cidade de Antioquía", os cales recibiron ao remate do acto os premios acreditativos, como tamén os outros centros que participaron no torneo, o IES "Eduardo Blanco Amor" e o colexio Carmelitas de Ourense, que foron recoñecidos pola súa labor neste certame.
Este torneo enmárcase no Plan de Educación Financeira 2018-2021 e pretende favorecer o desenvolvemento de habilidades que axuden aos alumnos na súa vida formativa, laboral e social, afondando nunha maior capacitación para examinar criticamente temas relacionados coa realidade económico-empresarial.