Manuel Baltar: "O Ourense Rural Summit é unha cita imprescindible para debuxar o futuro da nosa provincia e do rural en xeral"
- O evento, organizado pola Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, reúne no mosteiro de Santo Estevo a 130 representantes de universidades, empresas, asociacións de desenvolvemento rural e emprendedoras rurais de diferentes países, que debaten sobre sustentabilidade, estratexias de innovación e impulso para o medio rural.
- No acto inaugural, Manuel Baltar salientou que as conclusións deste encontro "farán de Ourense un referente internacional; un territorio cuxas características actuais de poboación son as que distinguirán á Unión Europea en 2050, polo cal contamos cunha situación apta para ensaiar as políticas de éxito da UE dentro de tres décadas".
Ourense, 29 de outubro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe, no ato inaugural do "Ourense Rural Summit" (OURS) 2019 que este cumio internacional de expertos no medio rural "é unha cita imprescindible para debuxar o futuro da nosa provincia e do rural en xeral", e salientou que as conclusións deste encontro "farán de Ourense un referente internacional; un territorio cuxas características poboacionais actuais son as que distinguirán á Unión Europea en 2050, polo cal contamos cunha situación apta para ensaiar as políticas de éxito da UE dentro de tres décadas".
O evento, organizado pola Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, que se celebra no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil ata o vindeiro xoves, reúne a 130 representantes de universidades, empresas, asociacións de desenvolvemento rural e emprendedoras rurais de diferentes países, que debaten sobre sustentabilidade, estratexias de innovación e impulso para o medio rural. Trátase da primeira actuación do International Observatory of Rural Research de Ourense (RIO), que ten como obxectivo a posta en valor dos ecosistemas de innovación rural, con alianzas estratéxicas público-privadas, explorando a diversidade do rural de Ourense, no marco do desenvolvemento sustentable.
O presidente do goberno provincial fixo unha férrea defensa do rural, afirmando: "O rural existe, e as cidades non poden vivir sen os pobos; o urbano necesita ao rural", remarcou, animando a "aproveitar as oportunidades do territorio, conectando proxectos para conectar persoas, porque se trata de comunicar para emprender no rural", dixo, subraiando que emprender "significa crer no territorio e xerar riqueza". Neste sentido, destacou o Plan "Emprendou" "que desenvolvemos na Deputación de Ourense con fondos comunitarios, para que 251 ourensáns de entre 16 e 31 anos conten co impulso económico suficiente para iniciar un proxecto empresarial y persoal: o talento rural que reivindicamos sempre".
"Intelixencia rural"
Manuel Baltar amosou a súa satisfacción "por comprobar como se fan realidade as actuacións que deseñamos desde o goberno provincial coa Universidade de Vigo, inaugurando hoxe o Ourense Rural Summit, un encontro de expertos internacionais no medio rural que supón unha oportunidade que debemos aproveitar", e saudou que na axenda política internacional entrase "con moita forza" o reto demográfico, "un conxunto de políticas -dixo- encamiñadas a pór en valor o territorio, a intensificar a "intelixencia rural" e a situala ao servizo da sociedade do século XXI".
Baltar explicou que a despoboamento de determinadas áreas "non é unha realidade exclusiva nin de Ourense nin de Galicia nin de España: na Unión Europea, o 80 % do seu territorio ten que afrontar esta dinámica, e son os gobernos, en procesos participativos, os chamados a protagonizar este escenario", expresou Baltar non só en calidade de presidente da Deputación senón tamén na súa condición de presidente de Partenalia -a asociación europea de gobernos provinciais- e como vicepresidente da Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios, que o vindeiro 14 de novembro celebra en Toulouse un seminario internacional de política provincial para analizar, precisamente, a realidade competitividade rural.
"Este traballo en rede –afirmou Manuel Baltar-, o da Deputación de Ourense e o de outras entidades no ámbito europeo, fixo posible que coordinadamente co Comité das Rexións se acadase que no novo marco financeiro plurianual da UE as provincias teñamos protagonismo á hora de xestionar, pero tamén de ser beneficiarios directos, de fondos comunitarios". "Unha gran conquista política -remarcou- que axudará a conseguir os obxectivos marcados".
O Ourense Rural Summit, unha iniciativa que forma parte do plan de mandato "Ourense 7273", é un congreso científico con formato de formato de debates, conversas, sesións maxistrais e grupos de traballo baseados nos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible que en setembro de 2015 a Asemblea Xeral da ONU acordou na Axenda 2030. Así, expertos de universidades do Reino Unido, Irlanda, Estados Unidos, Brasil, Dinamarca, Italia, Hungría, Portugal, Canadá, Bélxica e España, danse cita en Ourense, nun encontro que pivota sobre os especialistas da Universidade de Vigo e que conta tamén con representantes de institucións comunitarias, que achegan unha visión necesaria para afrontar os retos do rural.
Este cumio sobre o rural, que pon en valor o patrimonio natural, cultural e o inmaterial, que se transmite de xeración en xeración, busca un novo contrato social para o rural, recapitalizalo intelectualmente, achegando coñecemento da universidade e contando con que a transferencia de coñecemento debe darse entre o ámbito académico, emprendedores, innovadores sociais e gobernantes. Neste sentido, o foro ten como finalidade reflexionar conxuntamente sobre aplicacións e intervencións no medio rural, a través do deseño de iniciativas para poñer en marcha en contornas rurais. O programa inclúe diferentes sesións de traballo que, desde hoxe e ata o vindeiro xoves, teñen o obxectivo de buscar sinerxías e xerar novas iniciativas de innovación socioambiental no rural.
No acto inaugural, no mosteiro de Santo Estevo, Manuel Baltar estivo acompañado pola vicerreitora do Campus de Ourense, Esther de Blas, e as vicerreitoras de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, e de Investigación, María Belén Rubio.