A Deputación reformará o parque infantil da Veronza e creará un parque canino
- O deputado provincial de Cooperación e o alcalde de Ribadavia visitaron hoxe a zona na que se levarán a cabo estas futuras actuacións, froito da colaboración entre ambas institucións.
Ourense, 14 de novembro de 2019.- O deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, visitou hoxe, co alcalde de Ribadavia, César Fernández, a área recreativa da Veronza, na que se levarán a cabo diversas actuacións, froito da colaboración entre ambas institucións, que inclúen o acondicionamento do parque infantil e a creación dun parque canino.
O parque canino na área da Veronza xorde da necesidade de dotar "as nosas vilas de infraestruturas adecuadas para que as mascotas poidan gozar de espazos de calidade lonxe das restricións naturais do uso da correa", explicou Pablo Pérez, quen sinalou que este parque estará pechado perimetralmente na súa totalidade para que os animais poidan andar soltos. O investimento que realizará a Deputación de Ourense para a creación deste espazo ascende aos 10.977 euros. No parque colocaranse catro xogos: un de seguridade (altura), un de destreza (balancín), un de intuición (túnel) e un de confianza (plataformas).
Outra das actuacións que se acometerán na área recreativa da Veronza será o acondicionamento do parque infantil que se atopa moi preto das piscinas municipais de Ribadavia. O obxectivo é colocar un solo que ofreza unha amortiguación maior e, por conseguinte, unha maior seguridade en caso de caída, tamén un novo peche e un areeiro. O orzamento destinado pola Deputación de Ourense para a realización de dito acondicionamento ascende aos 48.000 euros.
"Con estas actuacións damos resposta ás demandas do municipio de Ribadavia de fomentar a área da Veronza como un espazo de recreo para a veciñanza do concello, da comarca e incluso da provincia, porque o parque canino vai a ser o primeiro que creará a Deputación de Ourense nas súas áreas recreativas", dixo o deputado provincial de Cooperación.
Pola súa parte, César Fernández agradeceu á Deputación de Ourense que a través da cooperación institucional leve a cabo estas actuacións no Concello de Ribadavia e amosou a súa satisfacción por ser o seu municipio "o primeiro da provincia no que a Deputación de Ourense cree un parque canino". Ademais, o alcalde de Ribadavia dixo que esta nova infraestrutura xunto á reforma do parque infantil supoñen "un valor engadido no patrimonio cultural e de espazos de lecer e recreo do noso municipio que, a nivel patrimonial e turístico, é o máis fermoso de Galicia".