A Deputación de Ourense instalará "Teleasistencia avanzada" nos concellos de máxima prioridade demográfica
- Aplicará tecnoloxía de xeolocalización e monitorización de riscos para a detección automática de potenciais situacións de risco que puideran ter os beneficiarios.
- "Trátase de poñer a disposición dos usuarios da nosa provincia unha tecnoloxía de vangarda que permita mellorar o servizo de teleasistencia, prestando unha atención integral e personalizada", afirma Manuel Baltar.
Ourense, 23 de novembro de 2019.- Tecnoloxía de vangarda para a teleasistencia na provincia de Ourense. Así se resume o novo programa que pon en marcha a Deputación de Ourense, por medio do cal se instalará "Teleasistencia avanzada" nos concellos de máxima prioridade demográfica, unha iniciativa que vai na liña de traballo que vén impulsando o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, a prol do reto demográfico.
Neste caso, aplícase a este ámbito dos servizos sociais tecnoloxía de xeolocalización e monitorización de riscos para a detección automática de potenciais situacións de risco que puideran ter os beneficiarios. O obxectivo, segundo afirma o presidente da Deputación de Ourense, "é poñer a disposición dos usuarios da nosa provincia unha tecnoloxía de vangarda que permita mellorar o servizo de teleasistencia, prestando unha atención integral e personalizada", afirma Manuel Baltar.
Esta iniciativa que coordina a deputada provincial de Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, xa se está a implantar en diferentes concellos da provincia e suporá importantes melloras tecnolóxicas para os usuarios do servizo provincial de teleasistencia en concellos de máxima prioridade demográfica. A nova teleasistencia incluirá apoios tecnolóxicos complementarios dentro e fóra do domicilio, o que permitirá a detección automática de potenciais situacións de risco, grazas á interconexión dos servizos de información e dos profesionais de referencia do sistema sociosanitario.
Neste sentido, o domicilio será o centro de atención, e as novas tecnoloxías aplicadas, supervisadas por profesionais, actuarán como instrumento para favorecer a permanencia da persoa no seu entorno sociocomunitario de maneira activa, conectada e informada, sendo unha das características principais deste sistema a atención individualizada dos usuarios.
Xeolocalización
Á maioría dos usuarios da nova teleasistencia avanzada se lles instalará o servizo móbil con xeolocalización, que permite a atención de situacións de crises en calquera lugar fora do domicilio, localizando a posición xeográfica da persoa. A incorporación deste cambio significa que a atención á persoa -que ata o de agora se limitaba ao tempo que permanecía na vivenda-, pasa a ampliarse á totalidade do dia, con independencia do espazo físico no que se atope. Asemade, para aqueles perfís de usuarios nos que sexa aconsellable, instalaranse detectores de situacións de risco mediante dispositivos que sinalizan e informan de maneira inmediata e automática tanto no domicilio como na central de alarmas sobre: fugas de gas, incendios, escapes de auga ou caídas.
Tamén se instalarán detectores de cambios nos patróns normais de actividade, empregando detectores de movemento instalados estratéxicamente no domicilio do usuario, así como dispositivos portátiles en forma de pulseira e sistemas de detección de apertura e peche de portas (frigoríficos, porta de entrada e saída do domicilio...). Estes sistemas permiten identificar desviacións do patrón habitual de comportamento e de actividade dos usuarios: saídas á rúa entradas ao baño, o tempo de soño ou o empregado para facer a comida, así como os períodos prolongados de inactividade. Ademais, favorecen a identificación de potenciais situacións de continxencia e vulnerabilidade no domicilio como: alteracións do estado de saúde, caídas, problemas de mobilidade ou comezo de deterioro cognitivo, entre outras situacións.
As persoas usuarias ás que se lle vai ofertar a posibilidade de transformar o actual servizo de teleasistencia serán aquelas que residen en municipios da provincia de Ourense de prioridade demográfica de grao III, en virtude da cualificación que nos diferentes programas da Área de Benestar da Deputación de Ourense teñen as entidades locais da provincia. Teñen esta cualificación os municipios de: Beade, Os Blancos, Boborás, Calvos de Randín, Chandrexa de Queixa, Gomesende, Larouco, Manzaneda, Montederramo, Porqueira, San Xoán de Río, A Teixeira e Vilariño de Conso.