Alumnado do IES Carlos Casares, de Viana do Bolo, protagoniza un pleno xuvenil sobre a violencia de xénero

Compartir

  • A actividade está enmarcada na 7ª Semana Escolar da Provincia que está a celebrarse do 25 ao 29 de novembro.

  • A sétima edición desta iniciativa, centrada na violencia de xénero, conta con 8.354 participantes entre alumnado e profesorado.

Ourense, 25 de novembro de 2019.- Preto de corenta alumnos de 3º e 4º da ESO do IES Carlos Casares, de Viana do Bolo, protagonizaron un pleno xuvenil sobre violencia de xénero no Salón de Plenos do Pazo Provincial. O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández foi o encargado de darlles a benvida ao "Concello dos Concellos" e de explicarlles o funcionamento e as competencias da institución provincial.

A sesión plenaria xuvenil celebrouse no marco da 7ª Semana Escolar da Provincia que nesta ocasión afonda nun dos principais problemas da nosa sociedade, a violencia de xénero, polo que desde a institución provincial se levou a cabo a Semana Escolar da Provincia contra a Violencia de Xénero. Para elo editouse a novela xuvenil Amor amargo como base desta iniciativa e unha Guía do profesorado con pautas para utilizar os contidos do libro, documentación e recursos para realizar actividades ao longo da Semana Escolar, que ten lugar desde do 25 ao 29 novembro.

Nesta sétima edición da Semana Escolar participan 8.354 persoas entre alumnado e profesorado, procedentes dos 63 centros inscritos na actividade. A novela Amor Amargo editada para esta edición é obra de Xosé A. Perozo e as ilustracións son de Victoria Riveiro Currais e Antonio Seijas. A publicación mestura a narración e o cómic facendo dela un experimento literario dinámico e interesante.