Declaración institucional da Xunta de Portavoces da Deputación de Ourense no Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller
Ourense, 25 de novembro de 2019.- A Xunta de Portavoces da Deputación de Ourense aprobou hoxe, 25 de novembro de 2019, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, a seguinte declaración institucional, á que se deu lectura posteriormente, ás portas do Pazo Provincial, coa presenza de traballadores e representantes políticos da institución provincial:
Os grupos políticos con representación na Corporación Provincial de Ourense, con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, expresan:
1. A súa solidariedade con todas as vítimas e as súas familias, lembrando a todas e cada unha das mulleres que foron asasinadas polas súas parellas ou ex parellas ao longo deste ano e aos fillos que quedaron orfos, así como tamén o seu pesar polo asasinato daqueles fillos co único fin de facer sufrir ás súas nais.
2. Reafirmamos o noso compromiso coa igualdade real entre mulleres e homes e a eliminación de toda violencia que se exerza contra as mulleres polo só feito de selo.
3. A loita contra a violencia de xénero non é unha cuestión de ideoloxías, é unha realidade social coa que convivimos e que debemos combater unidos. Por iso rexeitamos calquera utilización partidista dunha cuestión que nos debería unir a todos ao redor das vítimas.
4. Esiximos o efectivo cumprimento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero por parte de todas as administracións implicadas, así como a inmediata reactivación da Comisión parlamentaria no Congreso dos Deputados para facer o seguimento do pacto coa periodicidade que necesita un acordo destas características.
5. E declaramos que mentres haxa unha soa vítima de violencia de xénero, a prioridade ha de ser mellorar a súa protección e a resposta que ofrecemos desde os poderes públicos.