Xornada de "portas abertas" no Pazo Provincial
- O presidente da Deputación de Ourense foi o encargado de guiar a primeira visita desta tradicional actividade que achega a institución provincial aos cidadáns, no marco da 7ª "Semana Escolar da Provincia".
- Baltar amosou as instalacións do edificio facendo un percorrido polo despacho de presidencia, a sala de xuntas, a galería literaria e de expresidentes e rematou no salón de plenos.
- Durante a visita, o presidente do goberno provincial explicoulle aos visitantes o funcionamento e organización da Deputación, así como as cuestións arquitectónicas e artísticas do edificio.
Ourense, 30 de novembro de 2019.- A Deputación de Ourense celebra a súa tradicional xornada de "portas abertas" no Pazo Provincial dentro do programa de actividades organizadas na 7ª "Semana Escolar da Provincia" coa a que a institución provincial pretende achegar "un maior coñecemento da nosa provincia e desta institución ao ámbito educativo e á cidadanía da nosa provincia", dixo o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, encargado de guiar a primeira visita desta xornada.
O presidente da Deputación de Ourense amosou aos visitantes as instalacións do Pazo Provincial comezando polo despacho de presidencia, a sala de xuntas, a galería literaria "Voces da Ourensanía" e a de expresidentes, e rematando o percorrido pola institución no salón de plenos. Durante a visita, Manuel Baltar explicoulle aos participantes o funcionamento e organización da Deputación, así como as cuestións arquitectónicas e artísticas deste histórico edificio que alberga a administración provincial.
O obxectivo final desta actividade –explicou Baltar- é que a veciñanza da nosa provincia visite a institución provincial para coñecer de preto o funcionamento da mesmo e fomentar tamén esa relación de proximidade e interactividade que debe existir entre as persoas que gobernan e os cidadáns. Así mesmo, Manuel Baltar lembrou que a Deputación de Ourense é "a única Diputación de Galicia que realiza esta xornada de "portas abertas" que continuaremos a realizar no futuro".
Na xornada participaron integrantes da entidade Queixumes dos Pinos, por elo, o director da mesma, José Antonio Viñas, quixo agradecer ao presidente da Deputación de Ourense o seu apoio a prol das actividades que desenvolven desde esta entidade cultural que acaba de cumprir 25 anos demostrando "a gran idea que foi a creación deste proxecto e reafirmando a súa consolidación", dixo o presidente do goberno provincial.
Nas visitas guiadas ao Pazo Provincial os visitantes recibiron un tríptico referido ao día de "portas abertas" con información dos edificios máis emblemáticos da Deputación de Ourense: o Pazo Provincial, o Centro Cultural "Marcos Valcárcel", o Pazo dos Deportes "Paco Paz", o Teatro Principal, o edificio do Inorde, o Mosteiro de Rocas e o Pazo de Vilamarín, e no que se citan tamén outras instalacións das que dispón á Deputación dedicadas á cultura, como son os museos de Cornamusas, o "Moncho Borrajo", o do Traxe Tradicional, e o "Estanislao Reverter"; así como as Escolas de Gaitas e de Artes e Oficios; o Obradoiro de instrumentos populares; o Centro de Cultura "Xaquín Lorenzo", e os centro de desenvolvemento Agrogandeiro e Agroforestal.
Os visitantes recibiron tamén a publicación que este ano edita a Deputación sobre a "Semana Escolar na Provincia", titulada Amor amargo, escrita por X. A. Perozo e ilustrada por Victoria Riveiro e Antonio Seijas. Nesta 7ª "Semana Escolar da Provincia", organizada pola Deputación de Ourense e que está centrada na violencia de xénero, participaron 8.354 persoas entre alumnado e profesorado, procedentes dos 63 centros inscritos na actividade.