Baltar visita no colexio Divina Pastora as actividades organizadas na Semana Escolar da Provincia

Compartir

Ourense, 13 de decembro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe no colexio Divina Pastora-Franciscanas de Ourense as exposicións e actividades didácticas que este centro educativo vén desenvolvendo ao longo destas últimas semanas relativas ao tema central da 7ª Semana Escolar da Provincia, que analizou este ano a violencia de xénero na adolescencia.

O presidente do goberno provincial mantivo un encontro con alumnos e profesores e avanzou unha das posibles temáticas que se están estudando cara á próxima edición da Semana Escolar: a emigración, lembrando que a Deputación de Ourense "está a traballar no que será o Museo da Emigración, único en Galicia, que se situará no Pazo de Vilamarín e que será unha homenaxe permanente aos nosos emigrantes, dos que todos nos sentimos orgullosos", expresou Baltar.

O colexio Divina Pastora é un dos 63 centros educativos que este ano participaron na Semana Escolar da Provincia, unha iniciativa da Deputación de Ourense que contou con preto de 9.000 alumnos de ESO e Bacharelato e 570 docentes. Nesta edición, a Deputación editou a novela Amor amargo, escrita por X. A. Perozo e ilustrada por Victoria Riveiro e Antonio Seijas, e unha guía do profesorado coas pautas didácticas sobre a novela.