A "Luz que nunca se apaga" de Juan Rivas, no centro cultural "Marcos Valcárcel"

Compartir

  • A mostra, que será inaugurada hoxe ás 20.00 horas, poderá visitarse ata o 23 de febreiro.

Ourense, 20 de decembro de 2019.- A "Luz que nunca se apaga", obra do pintor Juan Rivas, está desde hoxe exposta nas instalacións do centro cultural "Marcos Valcárcel" para afondar nas súas investigacións sobre a pertinencia e a necesidade das prácticas pictóricas nunha contemporaneidade de virtualidades interconectadas. A presentación da mostra tivo lugar hoxe no centro cultural, acto no que participou o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; o comisario da exposición, Ángel Cerviño; o director do centro cultural, Francisco González; e o propio artista.

"Luz que nunca se apaga" está composta por una serie de paisaxes nocturnas onde a escuridade contrasta e entra en conflito con pequenos espazos de luz artificial. O conflito da luz artificial na noite é a arquitectura, resultando da harmonización desa loita, entre o "iluminado e o apagado", entre "o que se ve e o que queda escondido", a natureza propia do cadro que busca Juan Rivas.

Estas obras sitúan ao espectador ante uns escenarios nocturnos nos que calquera recuncho das aforas aparece en suspenso, agardando un misterioso acontecemento que ao cabo non será outro que a celebración do festín da pintura na súa máis gozosa encarnación.

A inauguración da mostra será hoxe ás 20.00 horas, acto no que participará o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández. A exposición "Luz que nunca se apaga" poderá visitarse ata o 23 de febreiro.