Pazolandia: 27 anos como referente do ocio infantil navideño en Galicia
- Organizado pola Deputación de Ourense, o maior parque de atraccións estacional de Galicia, conta este ano con máis de 100 propostas de ocio para nenos e mozos, repartidas en 8.000 metros cadrados no Pazo dos Deportes "Paco Paz".
- O vicepresidente da institución provincial Rosendo Fernández, xunto co asesor de Deportes, Bernardino González, e o coordinador de Pazolandia, José Domarco, presentaron esta mañá o programa de actividades.
Ourense, 23 de decembro de 2019.- "Pazolandia", o maior parque de atraccións estacional de Galicia, cumpre este ano 27 edicións, sendo o referente do ocio infantil navideño. Esta actividade, organizada pola Deputación de Ourense, contará este ano con máis de 100 propostas de ocio para nenos e mozos, repartidas en 8.000 metros cadrados no Pazo dos Deportes "Paco Paz". Serán 9 días e un total de 17 sesións, repartidas entre o 26 de decembro e o 4 de xaneiro, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas (exceptuando o 31 de decembro –pechado todo o día- e o 1 de xaneiro –pechado pola mañá).
A presentación do programa de actividades tivo lugar esta mañá, coa participación do vicepresidente da institución provincial Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, e o coordinador de Pazolandia, José Domarco. "Pazolandia segue innovando cada ano para achegar ao público as mellores propostas de ocio infantil e xuvenil", destacou Rosendo Fernández, salientando "o éxito que edición tras edición acada esta actividade, con preto de 25.000 persoas que asisten as diferentes sesións de Pazolandia", explicou.
"Este ano amplíase a oferta de atraccións nos exteriores do "Paco Paz", coa presenza da gran atracción UVE e da "Pista Americana" que complementa as clásicas atraccións de feira, tradicionais en Pazolandia", destacou José Domarco, quen salientou outras novidades desta edición como a instalación da atracción Scalestrix no pavillón auxiliar e novos inchables, para os máis pequenos; novos obradoiros -de fotomontaxe e de circuíto de coches-, sorteos diarios, e ademais os visitantes poderán levar un recordo fotográfico do parque retratándose nun photocall situado no recinto.
Bernardino González comentou "a ledicia que supón a celebración un ano mais de Pazolandia, pois os máis pequenos están desexando que cheguen estas datas para gozar destes días e divertirse no maior parque de ocio", e coincidiu con Rosendo Fernández en destacar "a gran implicación dos traballadores do Pazo dos Deportes para que se celebre este evento".
As entradas pódense adquirir nas taquillas do recinto e tamén por Internet na páxina www.pazolandia.es. O prezo da entrada –que inclúe o acceso gratuíto a todas a atraccións- mantense nos 4 euros de pasadas edicións, sendo de 3 euros para os nenos que veñen a través dos concellos da provincia e de centros de acollida. Neste sentido, Rosendo Fernández lembrou que o presidente da Deputación de Ourense convidou por carta a unha importante representación de centros de acollida de nenos e entidades de carácter benéfico, "para que ningún neno da provincia, por razóns económicas, deixe de participar en Pazolandia". Todas as novidades do parque poderán seguirse a través de Facebook e Twitter, nas contas oficial de Pazolandia.
Atraccións clásicas de feira, obradoiros, animación, ludotecas, multiespazo de videoxogos coas últimas novidades, obradoiro de realidade virtual, inchables, en total preto de 8.000 metros cadrados nos diferentes espazos do pavillón e nos exteriores da instalación dedicados ao ocio infantil e xuvenil. Na actividade traballan ao redor de 80 persoas, entre persoal das atraccións, limpeza, monitores, técnicos electricistas e de mantemento, montadores, coidadores, taquilleiros, Cruz Vermella, médicos, vixilantes e persoal administrativo, xunto cos bombeiros de San Cibrao das Viñas.
Nas sesións de mañá e tarde, Pazolandia realizará sorteos diarios de cestas de nadal, bicicletas, lotes de material deportivo, pequenos electrodomésticos, tabletas, teléfonos móbiles e patíns. Cada neno recibe coa entrada un vale para estes sorteos.
Os concellos asistentes serán: Día 26: Arnoia, Cualedro, Paderne de Allariz, Oimbra, Esgos, Monterrei Cea e Cualedro e A Peroxa; día 27: Laza, Maceda, Melón, Cartelle, Bande, A Mezquita, Maside, Castro Caldelas, Sandiás, A Pobra de Trives, Carballeda de Avia, Rairiz de Veiga, A Merca, Nogueira de Ramuin, Taboadela e Pontedeva; día 28: Quintela de Leirado, Entrimo, Toén e Vilar de Barrio; día 29: Cortegada, Leiro, Vilariño de Conso e Punxín; día 30: Xunqueira de Espadanedo, Sarreaus, Pereiro de Aguiar, Xunqueira de Ambía, Os Blancos, O Irixo, Lobios, Vilar de Santos, Avión e Porqueira; día 2: Cenlle, Baños de Molgas, Ribadavia, Riós e San Cibrao; día 3: Beade, Boborás, Piñor, Celanova, Castrelo de Miño, e día 4: Parada do Sil.