A Deputación destina 121.500 euros a 15 novos proxectos do Programa EmprendOU
- Ademais, a Xunta de Goberno fixou en 6 euros o prezo da publicación O libro dos outros oficios, de Rafael Vilar, XVI Premio "Pura e Dora Vázquez", que editará a Deputación de Ourense.
Ourense, 27 de decembro de 2019.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe destinar un orzamento total de 121.500 a 15 novos proxectos do Programa EmprendOU, posto en marcha pola institución provincial para afrontar o reto demográfico, a través de axudas a persoas físicas que leven a cabo proxectos empresarios e/ ou de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico da provincia de Ourense. En concreto, a Deputación de Ourense destinou unha axuda de 8.100 euros (675 euros ao mes durante 12 meses) a cada un dos proxectos aprobados na xuntanza.
Na reunión tamén se aprobou fixar en 6 euros o prezo da publicación O libro dos outros oficios, de Rafael Vilar, XVI Premio "Pura e Dora Vázquez", que editará a Deputación de Ourense. Neste mesmo apartado, estimouse o recurso potestativo de reposición interposto pola Fundación Ínsua dos Poetas contra o acordo da Xunta de Goberno do día 8 de novembro de 2019, polo que se lle concede unha axuda de 20.000 euros a dita entidade para a ampliación do patrimonio e os gastos de mantemento correspondentes ao ano 2019.
Continuando en materia de Cooperación, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas ao Concello de Muíños por importe de 200.000 e 100.000 euros, para a mellora das instalacións do Complexo Turístico O Corgo e para o acondicionamento de accesos a Requia e Guntumil, respectivamente. Para a Fundación Ferias y Exposiciones de Ourense aprobouse unha axuda de 10.000 euros destinada ao Foro da Comunicación. Así mesmo, para a Asociación de Padres Profesionales y Amigos de Personas con Discapacidad Intelectual Special Olympics Galicia, aprobouse unha axuda de 10.000 euros para a XXXIII Convivencia Familiar Galicia.
Pola súa parte, o Concello de Arnoia recibirá unha axuda de 16.940 euros para "Rutas Cicloturísticas", mentres que o Concello de Nogueira de Ramuín recibirá unha axuda de 4.500 euros para o vídeo promocional da Ribeira Sacra. Por último, a Xunta de Goberno aprobou conceder unha axuda de 101.943 euros á La Región para a promoción cultural e desenvolvemento do coñecemento provincial nos Foros La Región, así como unha axuda de 10.000 euros á Asociación Gastronómica Pazo de Loureiro para obras da sede social.