A Deputación informa do proxecto EmprendOU na comarca do Carballiño
Ourense, 8 de xaneiro de 2020.- A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, trasladoulle hoxe, na sede da Mancomunidade do Carballiño, as bases do proxecto EmprendOU da Deputación de Ourense aos alcaldes, concelleiros e axentes de desenvolvemento local da comarca do Carballiño, "continuando con esta rolda de visitas polas distintas comarcas da provincia, para que os municipios coñezan as liñas básicas desta iniciativa coa que pretendemos afrontar o reto demográfico", dixo Luz Doporto.
O proxecto EmprendOU da Deputación de Ourense apoia a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles", en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.