Presentación do proxecto audiovisual "Luarada", sobre a vida de Manuel Blanco Romasanta

Compartir

A Deputación de Ourense apoia este proxecto "sobre a personaxe máis senlleira da provincia", afirma Manuel Baltar, "un traballo cinematográfico que permitirá revisar, investigar e superar o que ata o de agora se ten feito sobre o máis grande criminal que coñeceron os tempos".

A rodaxe da primeira parte desta longametraxe -que se presentará no OUFF 2020-, comezará en marzo en Esgos, dirixida polo realizador e produtor Óscar Doviso, e protagonizada por Marcos Vázquez.

Ourense, 17 de xaneiro de 2020.- Achegarse á figura do coñecido Lobisome, Manuel Blanco Romasanta, coa máxima fildelidade e logo dunha fonda tarefa de investigación histórica, etnográfica e psicolóxica, é o obxectivo do proxecto audiovisual "Luarada", unha longametraxe dirixida por Óscar Doviso e coproducida polo realizador e por José Frieira, e interpretada por Marcos Vázquez, que hoxe se presentou na Deputación de Ourense. A película narra a historia do maior asasino en serie documentada en España, acontecida na Galicia rural de mediados do século XIX.

A institución provincial apoia este proxecto "desde o minuto un", destacou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, no acto de presentación, salientando que esta historia trata sobre "a personaxe máis senlleira da provincia de Ourense", "un traballo cinematográfico -dixo- que permitirá revisar, investigar e superar o que ata o de agora se ten feito sobre o máis grande criminal que coñeceron os tempos". Baltar salientou que se trata dunha produción da altura sobre unha personaxe real, que marca un antes e un despois no ámbito do crime, confirmando o apoio da Deputación para este proxecto e subliñando que, neste eido, o goberno provincial "inicio hai dous anos unha andina co OUFF e cara a potenciar a provincia de Ourense como gran plató de cinema".

Na primeira quincena de marzo comezará no municipio de Esgos a rodaxe da primeira parte desta longametraxe, que se presentará na vindeira edición do Ourense Film Festival (OUFF). Neste sentido, Oscar Doviso agradeceu a cooperación por parte da Deputación de Ourense e explicou que levan traballando dous anos no proxecto Luarada. "Eu, como ourensán, precisaba contar unha historia propia da nosa provincia e pareceume que o perfil de Manuel Blanco Romasanta nunca se tratara coa fondura que merece esta personaxe, unha persoa culta, sabia e moi querida polo pobo". Doviso comentou que existe moita documentación sobre o tema e salientou o importante traballo de investigación que tiveron que levar a cabo. "Decidimos facer un perfil psicolóxico dun dos maiores asasinos en serie e tamén plasmar a Galicia de mediados do século XIX, onde a vida era moi dura, e para iso contamos con escenarios naturais que levan centos de anos intactos".

O protagonista, Marcos Vázquez, expresou que esta personaxe "cumpre todas as expectativas que un actor pode ter" e destacou "o traballo de documentación que estamos a facer para reflexar o máis fielmente a realidade desta figura que marcou unha época no ámbito criminal".

A historia comeza en 1845, cando Manuel Blanco Romasanta chega a Galicia procedente de Castela, e remarca a boa aceptación que tivo por parte do pobo, debido a súa colaboración e integración nas tarefas sociais e relixiosas, unha circunstancia que en pouco tempo mudará para convertese en tráxica.

O equipo artístico está integrado por: Marcos Vázquez, Helen Bertels, Patxi Bisquert, Héctor Martínez, Candela López, José Manuel Mao e Lucía Rodríguez, sendo o guion de Oscar Doviso, Ollala Moreiras e David Caride, e a produción de Oscar Doviso, José Freiría e Marcos Vázquez.