Plácido Álvarez subliña a elevada participación do persoal nas eleccións sindicais da Deputación

Compartir

  • O vicepresidente e deputado delegado de Transparencia e Administración Provincial, subliñou hoxe a elevada participación do persoal da Deputación de Ourense nas eleccións sindicais celebradas este pasado venres, proceso no que votaron máis do 90 % dos traballadores e traballadoras chamados ás urnas.

Ourense, 20 de xaneiro de 2020.- O vicepresidente e deputado de Transparencia e Administración Provincial, Plácido Álvarez, subliñou hoxe a elevada participación do persoal da Deputación de Ourense nas eleccións sindicais celebradas este pasado venres, proceso no que votaron máis do 90 % dos traballadores e traballadoras chamados ás urnas. Plácido Álvarez tamén felicitou ao sindicato CSIF, que conseguiu o maior número de representantes tanto na xunta de persoal como no comité de empresa, así como ao resto de centrais sindicais que obtiveron delegados (CCOO, CIG, USO e UXT).

No tocante aos resultados, apuntou o vicepresidente, no ámbito funcionarial a representación mantense en termos semellantes ás eleccións de 2016, coa maioría de representantes do sindicato CSIF e a perda dun representante de CCOO en beneficio de USO. No apartado laboral tamén os resultados son semellantes ao período anterior, coa maioría do CSIF e, como principal novidade, os dous representantes que obtivo a central UXT no Comité de Empresa. É dicir, "estamos ante unha variada representación das distintas organizacións sindicais que concorreron a este proceso, sendo algo máis reducida para o caso dos funcionarios, nos que nos obtiveron representación nin a CIG nin CCOO.

Plácido Álvarez destacou a implicación do conxunto do persoal da institución provincial na elección dos seus representantes, "proceso que se desenvolveu nun excelente clima de compañeirismo". Un ambiente de participación que Álvarez tamén agarda que se "transmita ao diálogo e ás aportacións dos representantes sindicais na posta en marcha de novos programas, servizos e iniciativas que redunden en beneficio da provincia".

"Todos temos as nosas responsabilidades –engadiu-, desde o propio goberno provincial ou desde o plano puramente operativo, e xuntos conseguiremos os obxectivos que nos formulamos para o progreso dos nosos concellos e, por suposto, para que os traballadores e traballadoras da Deputación desenvolvan o seu labor nas mellores condicións".