O Plan Provincial de Cooperación e a adhesión da Deputación á "Asociación Camiño Xeración Nós", temas das comisións informativas
Ourense, 22 de xaneiro de 2020.- As comisións informativas da Deputación de Ourense correspondentes ao mes de xaneiro celebran hoxe e mañá as súas reunións no Pazo Provincial. Na xornada de hoxe será a quenda para as comisións informativas de Cooperación, Transparencia e Facenda, mentres que na xornada de mañá celebraranse as comisións de Cultura, Termalismo e Reto demográfico.
A comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordará a aprobación inicial do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2020 cun orzamento total de 6.573.260 euros, dos cales a Deputación achegará 5.938.500 euros e os concellos 634.760 euros.
Dentro do Plan Provincial, a Deputación destinará un orzamento de 4.294.500 euros para as obras municipais, asumindo os concellos, pola súa parte, os 634.760 euros anteriormente citados. Ademais, no Plan recóllese un investimento de 144.000 euros que aportará a Deputación para o réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta, así como un orzamento de 1.500.000 euros destinado á rede viaria da Deputación.
Outro dos temas a analizar na xuntanza será a aprobación inicial do proxecto de expropiación relativo á obra de "ampliación, pavimentación e humanización da rúa Casanova", no municipio de Leiro.
A comisión informativa de Transparencia e Administración Provincial tratará dúas cuestións referidas ao Inorde. Por unha banda, a modificación do representante suplente do Grupo Socialista no PSOE que pasa a ser Rosario Rodríguez Delgado, quen tomou posesión como deputada no pasado pleno do mes de decembro trala renuncia do deputado Gerardo Seoane Fidalgo, quen figuraba como representante suplente do Inorde. E, por outra banda, na reunión abordarase a modificación do artigo 15.2 dos Estatutos do Inorde, co fin de adaptalo á nova regulación do persoal directivo.
Pola súa parte, a comisión informativa Especial de Contas, Facenda e Economía abordará a delegación do Concello de Cenlle na Deputación do exercicio das competencias de recadación en vía executiva dos gastos derivados de execucións forzosas dos artigos 99 e 100 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicos. Así mesmo, outro dos temas a analizar na reunión será a aprobación inicial de créditos do expediente n.º 1/2020, por un importe que ascende a 332.770 euros.
Cultura
Na xornada de mañá xoves, na comisión informativa de Cultura, Deportes e Mocidade tratarase a adhesión da Deputación á "Asociación Camiño Xeración Nós", entidade cuxa finalidade é a de ser o núcleo de integración e de representación dos diferentes axentes interesados en promover o desenvolvemento do camiño Xeración Nós. Dita Asociación terá como fins principais os da regulación e promoción do citado camiño, sendo o centro receptor e distribuidor de toda a información relativa ao mesmo, así como a potenciación, revalorización e preservación dos recursos naturais, culturais, históricos e artísticos da zona, especialmente os relacionados co paso do antigo camiño de peregrinación a Santiago de Compostela.
Ademais da solicitude de adhesión da Deputación a esta asociación, abordarase a aprobación dos Estatutos da citada asociación, así como a designación como representante da Deputación na Asemblea Xeral da Asociación ao deputado provincial Armando Ojea Bouzo, actuando como suplente deste, a deputada provincial Patricia Torres. Por último, darase conta do acordo da Xunta de Goberno do 27 de decembro de 2019 relativo á fixación de prezos de publicacións que editará a Deputación.