Baltar e Reigosa coinciden en destacar "a achega de valor para a provincia" que supón a colaboración entre Deputación e Universidade
- Na reunión celebrada hoxe no Campus de Ourense, o presidente do goberno provincial e o reitor destacaron a fortaleza desta alianza de cooperación, salientando os ámbitos da investigación, a formación o medio rural e o Campus da Auga.
Ourense, 3 de febreiro de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, celebraron hoxe na sede da Vicerreitoría do Campus de Ourense unha reunión de traballo na que analizaron as liñas de colaboración que veñen mantendo ámbalas dúas institucións, coincidindo que esta estratexia de cooperación "supón unha importante achega de valor para a provincia de Ourense", expresou Baltar, salientando a fortaleza desta alianza en ámbitos como a cultura, a investigación, a formación, o medio rural e o Campus da Auga".
O presidente do goberno provincial lembrou o convenio anual de colaboración que asinan Deputación de Ourense e Universidade de Vigo, unha cooperación na que o pasado ano destacou a creación do Observatorio Internacional do Medio Rural, "que seguiremos a potenciar en 2020, e que serviu entre outras accións para desenvolver o congreso internacional do medio rural, en Santo Estevo de Rivas de Sil".
Baltar salientou que apostamos pola promoción do Campus de Ourense "e así o reflicte a excelente relación que mantemos ámbalas dúas institucións para desenvolver proxectos de futuro que pensen no noso territorio e no desenvolvemento social e económico da provincia, cun obxectivo común: a calidade do ensino universitario e a capacidade de atracción do noso Campus, que é un motor provincial", expresou o presidente.
Pola súa banda, Manuel Reigosa afirmou: "Estamos moi satisfeitos coa colaboración que mantemos coa Deputación de Ourense desde un Campus que pretendemos que se visualice como unha fortaleza do desenvolvemento da provincia", dixo, agradecendo o apoio do presidente Baltar e da institución provincial ao Campus de Ourense.