O escritor Rafa Vilar e a ilustradora María Villarino reciben en Maceda o XVI Premio "Pura e Dora Vázquez" de narración e ilustración

Compartir

  • No acto, celebrado no colexio público da vila, Manuel Baltar, dixo que este galardón "lembra a dúas mestras da palabra", e felicitou aos gañadores pola calidade das obras premiadas, literaria e artística, "e por cohesionar letras e arte para imaxinar eses outros oficios de fantasía e ilusión".

  • O galardón, que convoca a Deputación de Ourense, está dotado con 1.500 € para cada modalidade e ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo, así como recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas.

Ourense, 4 de febreiro de 2020.- O colexio público de Maceda acolleu esta mañá o acto de entrega do XVI Premio "Pura e Dora Vázquez" de literatura infantil e xuvenil, nas súas modalidade de narración e ilustración, evento que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e dos premiados nesta edición: o escritor coruñés Rafa Vilar (Cee, 1968), quen acadou o galardón pola súa obra Os outros oficios, e a ilustradora ourensá María Villarino.

No salón de actos do colexio, coa presenza dun cento de alumnos e profesores, Baltar destacou que este galardón lembra "a dúas mestras da palabra, como foron Pura e Dora Vázquez, que hoxe estarían orgullosas de ver como esta XVI edición do premio se entrega en Maceda", e felicitou aos gañadores pola calidade das obras premiadas, literaria e artística, "e por cohesionar letras e arte para imaxinar eses outros oficios de fantasía e ilusión".

Tamén quixo agradecer o presidente o traballo levado a cabo polos alumnos do colexio nas ilustracións que realizaron, inspiradas na obra premiada este ano. "O público infantil e xuvenil é prioritario no ámbito da literatura, e así seguiremos apoiando desde a Deputación de Ourense iniciativas como este premio, que fomenta a creatividade poñendo en valor a nosa lingua, o noso gran tesouro, un fulcral instrumento de comunicación", expresou Manuel Baltar.

En nome dos premiados, Rafa Vilar agradeceu o galardón e dixo sentirse encantado con este premio "que mantén viva a memoria de dúas mulleres fundamentais na nosa lingua, como foron Pura e Dora Vázquez", un premio do que salientou que ten "un dobre valor" por ser en galego e para traballos dirixidos á xente nova. O apartado musical do acto estivo ao cargo do músico rués Magín Blanco, quen converteu aos nenos do público en protagonistas dun fin de festa lúdico e cultural.

O xurado desta edición valorou a obra gañadora, Os outros oficios, como "un texto excepcional desde o punto de vista literario, de coidada prosa e con relatos que amosan un gran coñecemento da lingua", mentres que en relación ás ilustracións destacou que convidan "ao pensamento e á reflexión, e teñen un destacado compoñente de misterio e imaxinación".

O galardón, que convoca anualmente a Deputación de Ourense, está dotado con 1.500 € para cada modalidade e ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo, así como recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas.